A residencia de maiores de Foz pasa definitivamente a titularidade municipal

Foz
AMariñaXa
A Xunta e o Concello asinan o acordo que devolve ao ente local o terreo, o edificio e o mobiliario, garantindo prioridade para as persoas maiores de Foz
Concello-de-Foz-2025
O alcalde de Foz e o concelleiro de Festas xunto cos organizadores da romaría
13 Feb 2026

A Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e o Concello de Foz asinaban esta semana un acordo histórico que devolve de forma definitiva ao concello a titularidade do terreo cedido para a construción da residencia de maiores, así como a propiedade do edificio e do mobiliario. Grazas a este acordo, garántese que o centro siga sendo de titularidade municipal e que as persoas maiores de Foz continúen a ter prioridade no acceso a este servizo.

O proceso comezou co primeiro convenio de cesión ao concello en 2017, cando finalizaron as obras da infraestrutura, co obxectivo de asegurar que os usuarios do antigo asilo puidesen recibir atención residencial no novo centro. Segundo explicou o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, o acordo actual cumpre co último convenio de cesión asinado en xaneiro de 2023, que establecía un período inicial de catro anos prorrogables para levar a cabo todos os trámites necesarios para transmitir a titularidade do inmoble ao Concello.

Rodríguez destacou que, de non ser así, se a residencia pasase a estar fóra de xestión autonómica, a veciñanza de Foz perdería a prioridade e as prazas cubriríanse segundo a listaxe de adxudicación de toda Galicia. Ademais, indicou que a Xunta seguirá colaborando cos usuarios da residencia e do centro de día municipais mediante axudas económicas: actualmente, 50 familias do municipio reciben apoio para o pago dunha praza residencial ou de centro de día.

Este acordo consolidará a continuidade do servizo na vila, garantindo que as persoas maiores poidan acceder a unha atención próxima, coidada e de calidade, e reforza a colaboración entre as administracións autonómica e local para preservar os recursos sociais da comunidade.

⚙ Configurar cookies
0.079146862030029