A Reserva Terras do Miño incorpora 5 novos membros no órgano de participación

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Abordouse a memoria de actividades do 2023 e deuse conta da programación do ano que vén, que contempla accións nos concellos de Xermade, Pol, Alfoz, Ourol, Outeiro de Rei, Guitiriz, Lugo, Castro de Rei, O Valadouro e Mondoñedo.
20 Dec 2023

Abordouse a memoria de actividades do 2023 e deuse conta da programación do ano que vén, que contempla accións nos concellos de Xermade, Pol, Alfoz, Ourol, Outeiro de Rei, Guitiriz, Lugo, Castro de Rei, O Valadouro e Mondoñedo.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, presidiu este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos os órganos reitor e participativo da Reserva da Biosfera Terras do Miño, xestionada pola institución provincial. Ao igual que na reunión celebrada onte en Cervantes sobre a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, o encontro serviu para facer balance das correspondentes actividades realizadas neste ano 2023 e abordar os proxectos de cara o futuro que se van impulsar concretamente para este espazo protexido pola Unesco.

Nesta reunión, Pablo Rivera, que estivo acompañado polos deputados de Medio Ambiente, Carlos López, e de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández, así como de técnicos provincias, anunciou a incorporación de 5 novos membros nos órganos participativos da Reserva. Aceptáronse as solicitudes de ingreso das entidades aprobadas polo órgano reitor: a Federación de Asociacións de Veciños da Provincia Lucus Augusti; a Asociación de Mulleres Rurais Olvido de Pol; a Asociación Morcegos de Galicia; a Asociación Cultural Deportiva Lecer de Gamelle; e a Asociación Provincial Lucense de Apicultores.

Así mesmo, o Deputado informou ao órgano participativo de Terras do Miño da proposta inicial do novo Plan de Xestión da Reserva para o período 2024-2034, que foi aprobado posteriormente polo órgano reitor. Este Plan determinará as actuacións prioritarias nas que este espazo natural centrará o seu traballo durante os próximos 10 anos, e contará cun orzamento de fondos propios da Deputación dun total de 1,3M€ para o período de vixencia.

Do mesmo xeito que ocorreu na sesión de Cervantes, o Deputado o investigador do IBADER e redactor do Plan, Javier Ferreiro, expuxo as liñas estratéxicas do documento para o desenvolvemento sostible da Reserva, sendo o instrumento básico para a xestión e planificación deste espazo, e estratexias prioritarias de actuación para o cumprimento dos obxectivos da Reserva.

Procedemento de participación pública do plan

O procedemento de participación pública do Plan abrirá o prazo o vindeiro 22 de decembro trala súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Durante dous meses, os interesados poderán examinar o documento na páxina web da Deputación de Lugo e na Secretaría da entidade, e presentar as reclamacións e suxestións que estimen oportunas. Durante o primeiro trimestre do 2024 convocaranse mesas sectoriais, centradas na conservación do medio ambiente e no desenvolvemento socioeconómico da Reserva, ás que poderán asistir os membros do Órgano de Participación, así como outras entidades territoriais representativas.

60 accións de impulso á Reserva

Na reunión celebradas ao longo da xornada de hoxe tamén se aprobou a memoria das actividades realizadas ao longo deste ano 2023, que foron preto de 60.

Algunhas das accións a destacar son, por exemplo, o programa trimestral de actividades de educación e divulgación ambiental no Centro de Interpretación Terras do Miño e as visitas dos escolares; as actividades celebradas na Casa das Ínsuas de Rábade; colaboracións co Programa Coñece a túa provincia, con asociacións e colectivos lucenses, co centro Asociado da UNED, en publicacións do libro Árbores senlleiras da provincia e a Guía micolóxica básica da provincia de Lugo; ou a presenza en eventos como Xantar 2023 e no II Congreso da Rede IberoMaB, celebrado en Copán (Honduras). Como novidade este ano, a memoria de actividades 2023 estará dispoñible, xunto coas de anualidades anteriores, na páxina web da Reserva: www.terrasdomino.deputacionlugo.org

Por outra banda, na reunión tamén se aprobou a nova programación de actividades na Reserva da Biosfera dirixida a todos os públicos para o ano 2024. O prazo abriuse o pasado 21 de novembro, e recibíronse un total de 10 propostas de concellos, entidades e asociacións da Reserva para desenvolver accións nos concellos de Xermade, Pol, Alfoz,Ourol, Outeiro de Rei, Guitiriz, Lugo, Castro de Rei, O Valadouro e Mondoñedo.

Liña de subvencións e fondos europeos

Tamén se deu conta da liña de axudas de concorrencia competitiva por importe de 110.000€ que ofreceu a Deputación ás entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico das reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Pablo Rivera avanzou que o ano que vén a institución provincial ten previsto aprobar unha nova convocatoria destas subvencións.

Así mesmo, o Deputado informou dos proxectos acometidos grazas ao millón de euros de fondos da Unión Europea que conseguiu a Deputación para Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16788601875305