A Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón premia as súas mellores imaxes e lemas


A Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón xa coñece os gañadores do seu Concurso de Fotografía e Slogan, unha iniciativa destinada a poñer en valor o patrimonio natural e paisaxístico deste territorio compartido por Galicia e Asturias e a reforzar a súa promoción.
Na modalidade de fotografía, o primeiro premio foi para Ana Fernández, mentres que María Rosa Antuña conseguiu a segunda posición e Sandra Insua Juncal obtivo o terceiro posto.
Pola súa banda, no concurso de slogans, Noemí León fíxose co primeiro premio coa proposta "Un río que une, una tierra que enamora". O segundo posto correspondeu a Juan Carlos Fernández Ferreiro, autor do lema "Naturaleza sin límites".
O certame está organizado pola Asociación Montes e Vales Orientais GDR3 e forma parte do proxecto de cooperación LEADER "Cooperación interautonómica entre GDRs para dinamizar e reforzar a gobernanza participativa da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón".
A través desta iniciativa búscase favorecer a implicación da cidadanía na divulgación dos valores da Reserva da Biosfera e contribuír a dar visibilidade á riqueza natural, cultural e paisaxística dun territorio que abrangue municipios de ambos os lados do río Eo.