A renovación da rúa Buenos Aires en Ribadeo iniciarase en breve cun investimento de 450.000 euros

AMariñaXa
A actuación, financiada integramente pola Xunta, permitirá mellorar pavimento, beirarrúas e redes básicas nunha vía moi deteriorada
ribadeo-rua-buenos-aires
13 Feb 2026

A rúa Buenos Aires de Ribadeo afrontará en breve unha renovación integral grazas á colaboración da Consellería do Mar e de Portos de Galicia, cun investimento de 450.000 euros financiado ao cento por cento pola Xunta de Galicia. Así o anunciou o alcalde, Dani Vega, quen destacou a importancia desta actuación para mellorar unha rúa que presenta un notable estado de deterioro.

O rexedor explicou que a obra xa está adxudicada a unha empresa local e que os traballos comezarán nas próximas datas. A intervención permitirá actuar tanto no pavimento como nas beirarrúas e incorporar, ademais, unha rede de saneamento e de abastecemento de auga da que actualmente carece a vía. “É unha rúa moi castigada polo paso do tempo e necesitaba unha renovación profunda para mellorar a calidade urbana e os servizos básicos”, subliñou.

Dani Vega recoñeceu que a execución das obras implicará molestias temporais para a veciñanza e para o tráfico, con cortes puntuais da rúa, pero insistiu en que se trata dun esforzo necesario para modernizar as infraestruturas municipais. “Cando se acometen obras sempre hai incomodidades, pero hai que pensar no beneficio final: unha rúa renovada e preparada para o futuro”, sinalou.

O anuncio realizouse coincidindo coa visita ao porto ribadense de responsables autonómicos para presentar o proxecto de auditoría enerxética que está a desenvolver Recursos de Galicia, no marco dunha estratexia máis ampla de mellora da eficiencia enerxética e do tecido produtivo local. O alcalde puxo en valor esta colaboración entre administracións e empresas, como o Grupo Nogar, destacando que “sen actividade económica e sen modelos produtivos sólidos non é posible crear emprego nin avanzar como concello”.

Vega agradeceu expresamente o apoio económico da Consellería do Mar, así como o traballo desenvolvido tanto pola actual responsable do departamento como polo anterior conselleiro, Alfonso Villares, e avanzou que o Concello seguirá buscando colaboracións e investimentos que permitan continuar mellorando Ribadeo de maneira progresiva.

⚙ Configurar cookies
0.080361843109131