A remodelación do edificio veciñal O Canteiro reforza a vida social e cultural de Benquerencia

AMariñaXa
A Xunta investiu máis de 23.000 euros na renovación exterior do inmoble, unha intervención que busca dinamizar o rural e mellorar os espazos comunitarios
Barreiros-remodelacion-local-social-Canteiro-2025
7 Dec 2025

O edificio veciñal O Canteiro, en Benquerencia, estrea unha nova imaxe tras a reforma integral do seu exterior, unha actuación que foi oficialmente recibida nun acto presidido pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. A intervención foi posible grazas a un convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a Asociación Centro de Instrución e Recreo de Benquerencia, entidade á que pertence unha instalación que forma parte da vida comunitaria da parroquia.

A remodelación centrouse na adecuación exterior do edificio, incluída dentro dos proxectos orientados á promoción e posta en valor da actividade social, cultural e educativa no rural. A obra supuxo un investimento de máis de 23.000 euros, unha achega que permitiu renovar o recinto e adaptalo ás necesidades actuais dun espazo que funciona como punto de encontro para veciños e entidades locais.

Durante o acto, a conselleira María José Gómez salientou que este tipo de melloras resultan “fundamentais para dinamizar o rural”, ao crear contornos atractivos que animen á veciñanza e ás familias novas a asentarse e desenvolver o seu proxecto de vida nestas áreas. Destacou tamén que a recuperación e modernización dos espazos comunitarios é clave para manter viva a actividade social e fortalecer o tecido asociativo.

Gómez reiterou ademais o compromiso da Xunta de continuar apoiando iniciativas deste tipo, co obxectivo de que o rural dispoña de infraestruturas en condicións óptimas e capaces de responder ás demandas dunha poboación cada vez máis activa e participativa. A remodelación de O Canteiro súmase así á liña de actuacións que buscan dotar ás parroquias de espazos modernos, seguros e preparados para acoller actividades culturais, educativas e de convivencia.

⚙ Configurar cookies
0.079217910766602