A Rede Museística Provincial reivindica o papel das mulleres rurais no seu 20 aniversario

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A institución pon en valor a diversidade, a memoria e as experiencias das mulleres do rural lucense a través de sete proxectos artísticos e de investigación
Mar-Caldas-Facedoras-Museo-Provincial-Lugo
15 Oct 2026

A Rede Museística Provincial de Lugo (RMPL) reivindica o papel das mulleres na conservación da identidade, a economía e a vida das aldeas con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, que se conmemora este xoves, 15 de outubro. Coincidindo co seu 20 aniversario, a institución reafirma o seu compromiso coa visibilización das súas historias e co recoñecemento da diversidade de realidades que conviven no rural.

A Área de Cultura da Deputación de Lugo e a Rede Museística destacan que as mulleres son fundamentais para manter vivas as comunidades rurais e o tecido económico local. A marcha dunha veciña, sinalan, non supón unicamente a perda dunha habitante, senón tamén de talento, futuro e arraigamento.

A conmemoración quere afastarse dos estereotipos tradicionais para dar cabida á pluralidade das mulleres que viven e traballan no rural: gandeiras, agricultoras, coidadoras das persoas maiores e mulleres chegadas doutros países que participan activamente na sociedade. A Rede defende, ademais, a necesidade de atender as desigualdades desde unha perspectiva interseccional, tendo en conta cuestións como a precariedade, a falta de servizos ou as dificultades específicas que afrontan as mulleres lesbianas e as persoas con discapacidade nas pequenas localidades.

Sete proxectos para reconstruír a memoria das mulleres

A arte e a investigación constitúen os eixes do programa "Mulleres Rurais", co que a Rede Museística elabora unha cartografía das experiencias femininas no territorio. As iniciativas recuperan historias esquecidas, documentan transformacións sociais e achegan ao presente a memoria das mulleres que contribuíron a construír a identidade rural.

Entre os proxectos figura *Soterradas: vidas e historias. As mulleres: Walter Ebeling*, que reconstrúe a identidade a través da indumentaria tradicional galega de 1928. Pola súa banda, *Mulleres nas/das aldeas*, de Carmen Porteiro, aborda a aldea como espazo de resistencia, mentres que *Facedoras de Lugo, 2025-2026*, de Mar Caldas, pon o foco nas mulleres que desempeñan un papel activo na economía local actual.

A recuperación da memoria tamén se traslada ao espazo público con *Arquitectura da memoria. Friol lembra*, unha iniciativa que converte a vila nun museo sonoro mediante a xeolocalización de testemuños de mulleres maiores. A inclusión é o obxectivo de *Coñecelas e recoñecelas*, un proxecto que mapea historias de mulleres rurais con discapacidade para dar visibilidade a experiencias que permaneceron en boa medida silenciadas.

A creación artística ocupa igualmente un lugar destacado. En *Recolectoras: memoria e terra*, artistas e mulleres do rural elaboraron obras conxuntas a partir de obxectos persoais, fotografías e outras técnicas plásticas para expresar vivencias e feridas vinculadas á súa historia. Pola súa banda, *Proximidade Llunyana. Ninguén morre mentres alguén o lembra* recupera a memoria das nenas da montaña que, nos anos cincuenta, viaxaron no tren Shanghái para traballar como criadas en Cataluña, unha realidade ligada ao éxodo rural.

Compromiso cos 67 concellos da provincia

A Rede Museística defende que os museos e a arte deben servir para conservar a memoria humana e dar protagonismo ás persoas e ás súas experiencias. Neste sentido, reafirma a súa vontade de continuar traballando cos 67 concellos da provincia para preservar e divulgar o patrimonio social e cultural do rural lucense.

A institución conclúe que o recoñecemento das mulleres rurais debe ir máis alá dunha data conmemorativa e traducirse nun compromiso continuado coa súa visibilidade e coas condicións necesarias para garantir o futuro das comunidades rurais.

0.14516615867615