A Rede Museística Provincial de Lugo esgota o aforo das novas xornadas sobre gastronomía e identidade cultural

LugoXa | AMariñaXa
O programa analizará en Lugo e na Mariña o papel da alimentación como patrimonio vivo, ferramenta de cohesión social e elemento de intercambio entre culturas
ies-sanxillao-lugo
Actualizada el 16 junio 2026, 13:13 horas
15 Jun 2026

A Área de Cultura da Deputación de Lugo, a través da Rede Museística Provincial de Lugo e baixo a coordinación de Encarna Lago, desenvolverá esta semana a terceira e cuarta xornadas do programa “A Gastronomía dende o prisma da Rede Museística Provincial de Lugo”, unha iniciativa que continúa afondando na alimentación como elemento vinculado á identidade, á memoria colectiva, ao patrimonio e ao diálogo intercultural.

Despois da elevada participación rexistrada nas dúas primeiras sesións, a proposta segue reforzando a súa presenza dentro da programación cultural da Rede Museística, volvendo completar todas as prazas dispoñibles nas dúas novas convocatorias. O interese xerado entre profesionais, comunidade educativa e público en xeral consolida este proxecto como unha das iniciativas máis destacadas da programación cultural provincial.

A terceira xornada desenvolverase este martes, 16 de xuño, entre o IES Sanxillao e o Museo Provincial de Lugo baixo o título “Viaxes de ida e volta. O papel da gastronomía no intercambio cultural”. A sesión permitirá analizar como os movementos migratorios, o intercambio comercial e a circulación de coñecementos influíron na configuración da cultura gastronómica galega, convertendo a alimentación nunha ferramenta para comprender os procesos históricos e os vínculos entre pobos.

Durante a mañá, o historiador e catedrático Xavier Castro e o arqueólogo Enrique Alcorta realizarán unha visita guiada polos fondos do Museo Provincial de Lugo relacionados coa alimentación, permitindo coñecer a evolución dos hábitos culinarios ao longo da historia e a incorporación de elementos procedentes doutras culturas.

Posteriormente, nas instalacións do IES Sanxillao, os cociñeiros Martín Mantilla e Marcos Arufe dirixirán un obradoiro práctico centrado na elaboración de receitas históricas elaboradas con produtos fortemente vinculados ao territorio galego. A actividade rematará cunha degustación compartida entre os participantes.

Xa pola tarde, o Museo Provincial de Lugo converterase nun espazo para a reflexión e o debate arredor de cuestións como as denominacións de orixe, as antigas rutas gastronómicas ou a evolución da cociña galega desde diferentes perspectivas culturais e literarias.

A cuarta xornada terá lugar o mércores, 17 de xuño, entre o CENIMA de Foz, o IES de Foz e o Museo Provincial do Mar en San Cibrao, baixo o título “Museoloxía social. O papel da gastronomía na construción da identidade”.

Nesta ocasión abordarase a relación existente entre alimentación, memoria colectiva e construción identitaria, poñendo especial atención á influencia das migracións e dos intercambios culturais sobre a gastronomía galega.

Entre as actividades programadas figura un obradoiro práctico denominado “Cociñas do vello e do novo mundo”, dirixido por Beatriz Alcalá e Marcos Arufe, no que se analizarán ingredientes e técnicas culinarias chegadas desde outras culturas e que actualmente forman parte da identidade gastronómica galega.

A programación incluirá tamén unha degustación colectiva e un espazo de diálogo no Museo Provincial do Mar para abordar cuestións relacionadas coa innovación, a tradición, a protección do patrimonio gastronómico e a importancia do mar na construción da identidade cultural galega.

A iniciativa forma parte do programa “Cultura que coida e que dá luz” e da aposta da Área de Cultura da Deputación por un modelo participativo e inclusivo baseado na museoloxía social, no que a gastronomía se converte nun instrumento para reflexionar sobre o territorio, a sustentabilidade, a transmisión de coñecementos e a diversidade cultural.

0.12146401405334