A Rapadoira acolleu un torneo de petanca con xogadores de Galicia, Asturias, Cantabria e León

O pasado sábado, 6 de setembro, celebrouse en Foz un torneo de petanca organizado polo Club de Petanca Praia da Rapadoira, que tamén exerceu de anfitrión do evento. A cita reuniu un total de 24 xogadores procedentes de Galicia, Asturias, Cantabria e León, nunha xornada marcada polo bo tempo e polo ambiente de compañeirismo.
Ademais da competición deportiva, os organizadores colocaron unha carpa para compartir unha comida de confraternización, que serviu para estreitar lazos entre participantes e acompañantes.
Desde o club amosaron o seu agradecemento tanto aos hostaleiros como ao Concello de Foz pola súa colaboración, esencial para o éxito da actividade.
En canto aos resultados, o primeiro posto foi para Federico e Vanesa, do equipo Robles de Cantabria, mentres que o segundo lugar correspondeu a Eduardo e Joaquín, representantes de Avilés.