A rapa das bestas de Neipín reúne centos de persoas na súa terceira edición

AMariñaXa
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborou un ano máis coa celebración, na que participaron máis de 30 aloitadores e aloitadoras no curro da Cruz do Couso
PONTENOVA rapa das bestas
18 Jul 2026

A rapa das bestas de Neipín volveu converterse este sábado nun dos principais reclamos do verán na Pontenova, reunindo centos de persoas no curro da Cruz do Couso para seguir de preto este tradicional ritual ligado á cría de cabalos en liberdade.

Na súa terceira edición, máis de trinta aloitadores e aloitadoras participaron na rapa e marcado dos animais, nunha cita organizada pola Asociación Equus Norte coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Ata o lugar desprazouse o deputado de Rural, Daniel García, quen destacou a importancia de manter viva esta tradición e puxo en valor a participación da xente moza. "A presenza de mocidade loitando cos cabalos no curro é unha mostra da vitalidade desta tradición, que reflicte unha forma de vida e de relación cos animais e co territorio que forma parte do noso patrimonio", sinalou.

A programación desta edición incluíu tamén unha iniciativa de promoción dos produtos de razas autóctonas. Na noite do venres, varios establecementos hostaleiros da Pontenova ofreceron degustacións de hamburguesas elaboradas con carne de poldro de Pura Raza Galega, dentro do programa Un gusto de rural, un rural degusto.

A Vicepresidencia da Deputación colaborou un ano máis coa organización da rapa, unha iniciativa que vén apoiando desde a súa primeira edición mediante investimentos na construción do curro, na adquisición de elementos móbiles para a retención dos animais e na instalación dun fito informativo xunto ao recinto.

0.11880993843079