A Rapa das Bestas de Candaoso celebrará a súa 55ª edición os días 4 e 5 de xullo en Boimente

O curro de Candaoso, situado en Boimente, volverá converterse nun dos principais puntos de encontro da tradición ecuestre galega coa celebración da 55ª edición da Rapa das Bestas, unha das festas máis emblemáticas do municipio de Viveiro e declarada de interese turístico.
A programación desenvolverase durante as xornadas do 4 e 5 de xullo e reunirá centos de persoas arredor dunha celebración que mantén viva unha tradición ligada ao monte e ás razas autóctonas de cabalos que pastan en liberdade nos montes de Buio e Lerín.
A actividade arrancará o sábado cunha sesión vermú amenizada polo Dúo Belinda. A formación musical volverá actuar durante a tarde, mentres que a xornada rematará cunha verbena na que a música continuará da man da discoteca móbil Conxuro.
O prato forte chegará o domingo coa tradicional baixada do gando e o peche do curro, un dos momentos máis agardados da festa. Desde primeira hora da mañá abriranse tamén as inscricións para as distintas competicións e realizarase a medición dos cabalos participantes no circuíto de carreiras.
Ao longo da tarde disputaranse diferentes probas e competicións ecuestres, entre elas carreiras de cabalos de distintas categorías, andadura e outras modalidades que cada ano atraen a numerosos participantes e afeccionados. A entrega de premios realizarase ao remate das competicións.
A organización destaca que a feira incluirá tamén unha mostra de gando cabalar e unha degustación de produtos elaborados con razas autóctonas de Galicia a través dun servizo de foodtruck, reforzando así o vínculo da celebración co patrimonio rural e gandeiro do territorio.
Co paso das décadas, a Rapa das Bestas de Candaoso consolidouse como unha das citas máis representativas do calendario festivo da comarca, combinando tradición, cultura popular e convivencia nunha contorna natural de grande valor paisaxístico.