A PSOE esixiulle ao Goberno galego que recupere a área sanitaria da Mariña

AMariñaXa
A parlamentaria socialista Patricia Otero esixiulle ao Goberno galego que recupere a área sanitaria da Mariña
plataforma sanitaria salvemos atencion primaria
plataforma sanitaria salvemos atencion primaria
24 Feb 2023

A parlamentaria socialista Patricia Otero esixiulle ao Goberno galego que recupere a área sanitaria da Mariña, suprimida coa última reforma da Lei de Saúde por parte do PP en 2017, convertendo ao Hospital da Costa nun distrito sanitario dependente de Lugo. Otero presentou unha pregunta oral ao goberno galego en Comisión coa que, dixo, “séguense a rir dos veciños e das veciñas da Mariña”.

A responsable socialista lamentou o “empecinamento” por parte do goberno galego por “non querer recuperar ás áreas sanitarias”, e sinalou que “non é certo que melloren servizos, os acheguen á cidadanía nin blinden os hospitais comarcais”. Otero amosou a súa sorpresa por que a xerente do Sergas afirmara que con esta medida achegaran os servizos, e dixo que desprazarse ao Hospital de Lugo “non é achegar, lembre as leccións de Barrio Sésamo”.

Explicou que logo da decisión de suprimir a área sanitaria os veciños e veciñas da Mariña teñen que padecer listas de agarda de ata 2 e 3 anos en cardioloxía, traumatoloxía, uroloxía ou reumatoloxía, ademais de desprazarse a Lugo para facer probas como radiografías panorámicas dentais, densiometrías, electromiografías, intervencións de varices ou implantación de marcapasos.

Neste momento, engadiu, carecen de servizos “básicos” como consulta de cirurxía vascular, terapia ocupacional ou fisioterapia respiratoria infantil, nun hospital que agora carece de unidade de prevención de suicidios, hospital de día infantoxuvenil ou unidade de agudos, que “si que tería de contar con área sanitaria propia” Ademais, “segue sen haber logopeda no servizo público” co que “a realidade é que a supresión da área sanitaria só provocou a perda de servizos”.

Patricia Otero afeoulle ao PP que amparen “as maiores afrontas cara esta comarca”, que mesmo provocaron dimisións entre a directiva do Hospital, como a do xerente do Hospital da costa ou da directora de Enfermaría, derivadas das “falsidades e mentiras do goberno galego, que aseguraba que ía manter a autonomía da xestión”.

Lembrou que o propio Balseiro, deputado do PP da zona, asinara unha iniciativa en 2013, cando era primeiro tenente de alcalde de Cervo, pedindo que a Xunta mantivera o mapa sanitario na provincia, mantendo a área sanitaria da Mariña, Cervo e Burela”. O certo é que coa última reforma “remataron coa área sanitaria” e con boa parte dos servizos sanitarios da cidadanía da Mariña.

0.17940616607666