A programación de Nadal do Concello de Cervo inicia co tradicional mercado

AMariñaXa
Nunha xornada na que se darán cita diferentes postos de alimentación e artesanía
mercado-Nadal-Cervo
12 Dec 2024

A Praza do Souto será este próximo sábado, 14 de decembro, o escenario do tradicional Mercado de Nadal, organizado pola asociación Airiños do Xunco coa colaboración do Concello de Cervo.

A cita arrincará ás 10 da mañá e prolongarase durante toda unha xornada na que se darán cita diferentes postos de alimentación e artesanía, e haberá moita animación musical e tamén sorteos entre o público asistente.

Ademais, tamén está prevista unha edición especial da Ruta de Petiscos Cervo-Sargadelos xa desde o mediodía, con tapas elaboradas na Sacabeira, na Taberna de Sargadelos, no Almacén e no Caseto de Copa, a un prezo de 2,5 euros.

Durante o Mercado tamén está prevista a entrega de premios do certame de postais de Nadal. A convocatoria será ás 19.00 horas, e a continuación haberá unha actuación infantil pensada para desfrutar en familia: 'Historias dun mundo grande', protagonizadas pola cadeliña Becki que nos contará as súas viaxes e vivencias desde a súa biblioteca.

O Concello de Cervo anima a veciños e visitantes a participar neste Mercado de Nadal que é o pistoletazo de saída para un programa repleto de actos para todos os públicos, en colaboración coas diferentes asociacións do Concello.

 

 

 

 

0.16267418861389