A procesión marítima da Virxe do Carme contará cun dispositivo especial da Consellería do Mar na ría de Viveiro

AMariñaXa
A figura navegará a bordo do arrastreiro de litoral Bautista Pino, mantendo unha das tradicións máis arraigadas do sector pesqueiro e da comunidade mariñeira da comarca
gardacostas-porto-celeiro
25 Jul 2026

A tradicional procesión marítima da Virxe do Carme, acto central das Festas Patronais e do Mar de Celeiro, incorporará este ano un dispositivo especial da Consellería do Mar da Xunta de Galicia que servirá para realzar un dos momentos máis emotivos das celebracións. A patrulleira de altura Mar de Galicia, a lancha Punta Promontorio e o helicóptero Pesca II acompañarán á imaxe da patroa dos mariñeiros durante o seu percorrido pola ría de Viveiro.

A Virxe do Carme navegará a bordo do arrastreiro de litoral Bautista Pino, mantendo unha das tradicións máis arraigadas do sector pesqueiro e da comunidade mariñeira de Celeiro e da comarca. Como principal novidade desta edición, unha vez rematada a tradicional bendición das embarcacións participantes, desenvolverase un acto especial de acompañamento e homenaxe no que participará a Mar de Galicia, embarcación adscrita ao Servizo de Gardacostas de Galicia.

A patrulleira permanece atracada desde o pasado venres no peirao de Celeiro, onde espertou un notable interese entre veciñanza e visitantes que se achegaron ao porto para contemplar esta embarcación de vixilancia marítima.

A Mar de Galicia, unha Rodman 130 de última xeración, está deseñada para labores de vixilancia das augas costeiras e protección dos recursos pesqueiros de Galicia. Conta con 40 metros de eslora e pode alcanzar unha velocidade máxima de 27 nós. Segundo as características do proxecto, trátase da segunda patrulleira de altura de maior eslora construída en Europa, e probablemente tamén no mundo, en poliéster reforzado con fibra de vidro.

Durante a procesión, a patrulleira estará acompañada pola lancha Punta Promontorio, con base en Celeiro, e polo helicóptero Pesca II, tamén destinado neste porto. A presenza destes medios pretende achegar unha maior solemnidade ao acto e reforzar a súa cobertura e seguridade.

Desde a organización realizouse un chamamento ás embarcacións profesionais e deportivas participantes para que, unha vez recibida a bendición, abandonen o radio operativo establecido arredor do buque que transportará á Virxe do Carme. O obxectivo é facilitar o desenvolvemento do acto especial previsto con todas as garantías de navegación, seguridade e organización.

A celebración contará coa presenza de representantes do sector pesqueiro de Celeiro, entre eles responsables da Confraría de Pescadores e de Porto de Celeiro S.A., así como dunha ampla representación institucional. Está prevista a asistencia da conselleira do Mar, Marta Villaverde; da vicepresidenta primeira do Parlamento de Galicia, Raquel Arias; do delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares; da directora xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Aurora de Blas; e do director xeral de Pesca Sustentable do mesmo departamento, Ramón de la Figuera, ademais doutras autoridades, representantes do sector e membros da Corporación municipal encabezada pola alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde.

Tamén asistirán responsables do Servizo de Gardacostas de Galicia, de Portos de Galicia, da Capitanía Marítima, da Garda Civil do Mar e doutros organismos vinculados á actividade marítimo-pesqueira.

A organización confía en que a incorporación deste dispositivo marítimo e aéreo converta esta edición nunha das máis especiais da tradicional Procesión Marítima da Virxe do Carme, unha celebración que cada ano pon de manifesto a fonda vinculación de Celeiro e da comarca da Mariña co mar, coa pesca e coa súa patroa.

0.12098288536072