A praza de Santa María, en O Valadouro, afronta unha remodelación integral na súa zona leste

AMariñaXa
A actuación, financiada ao abeiro do Plan Hurbe, mellorará a accesibilidade, o pavimento e o mobiliario urbano deste espazo central do Valadouro
valadouro-melloras-praza-santa-maria-2025-xunta
23 Feb 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de adxudicar por 186.614 euros as obras de remodelación da praza de Santa María, situada en Ferreira, no municipio do O Valadouro. A intervención será executada pola empresa Novavial, S.L. e permitirá renovar a zona leste deste emblemático espazo público, actuando sobre unha superficie de 1.141 metros cadrados.

Os traballos contemplan a reorganización do pavimento para diferenciar claramente as áreas destinadas ao tráfico rodado das peonís, así como a eliminación de desniveis co obxectivo de facilitar a mobilidade e garantir unha maior accesibilidade. Ademais, habilitaranse novas beirarrúas que contribuirán a facer da praza un lugar máis cómodo e seguro para a veciñanza.

O proxecto completarase coa renovación do alumeado público, a instalación de bancos, papeleiras e xardineiras circulares móbiles —que poderán retirarse en caso de celebración de mercados ou eventos—, a substitución da varanda existente e a limpeza do cruceiro.

Esta actuación enmárcase no Plan Hurbe, un programa da Xunta de Galicia destinado a apoiar economicamente aos concellos na mellora dos seus espazos urbanos e na eliminación de barreiras arquitectónicas. Ao abeiro deste convenio, o Goberno galego asumirá o 70% do custo da obra, mentres que o Concello achegará o 30% restante. O prazo de execución previsto é de oito meses e o acordo estará vixente ata finais de 2026.

A través deste tipo de iniciativas, a administración autonómica busca reforzar o papel dos núcleos rurais como centros de servizos e dinamización social, contribuíndo a un desenvolvemento equilibrado do territorio galego.

0.10308289527893