A Praza de San Marcos reivindica en Lugo os dereitos LGTBI

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
A Deputación participou na concentración polo Día do Orgullo e aprobará unha declaración institucional no Pleno do martes
DIPU LUGO dia orgullo lgtbi
28 Jun 2026

A Deputación de Lugo participou este domingo na concentración celebrada na Praza de San Marcos con motivo do Día do Orgullo LGTBI, que se conmemora cada ano o 28 de xuño para reivindicar os dereitos, a igualdade e a liberdade das persoas LGTBI.

Na convocatoria estiveron presentes a deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, e o deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández. A institución provincial tamén despregou este venres a bandeira multicolor, símbolo das diferentes orientacións sexuais e identidades de xénero.

A Deputación levará ademais ao Pleno da Corporación deste martes unha declaración institucional para denunciar a persistencia da discriminación e da violencia contra as persoas LGTBI. O texto chamará a reforzar as políticas públicas de igualdade, protección, educación e convivencia.

Con esta participación, a institución provincial quixo sumarse ás reivindicacións do Día do Orgullo e expresar o seu compromiso coa defensa dos dereitos humanos, a diversidade e unha sociedade libre de odio e discriminación.

0.12479019165039