A praia do Torno estrea a Bandeira Azul e dá a benvida ao verán en Cervo

AMariñaXa
O distintivo recoñece a calidade das augas, os servizos do areal e o compromiso coa conservación ambiental
CERVO bandeira azul
28 Jun 2026

A praia do Torno, en Cervo, xa loce a Bandeira Azul, un recoñecemento que acredita a calidade das súas augas, os servizos dispoñibles para os usuarios e o compromiso coa protección da contorna natural.

O acto oficial de izado celebrouse este mediodía coa participación da alcaldesa, Dolores García Caramés; a concelleira Mali Méndez; e os edís Alfredo Fernández e Adrián Arias. Tamén asistiron veciños, representantes de asociacións do municipio e os socorristas que traballarán nos areais cervenses durante os vindeiros meses.

A cerimonia contou con música tradicional e serviu para abrir simbolicamente a tempada estival no municipio. A alcaldesa destacou que a Bandeira Azul é un orgullo para Cervo e froito dun traballo constante ao longo de todo o ano para manter a praia nas mellores condicións.

García Caramés agradeceu o labor do persoal municipal, dos servizos de limpeza e mantemento, dos socorristas e tamén a colaboración dos usuarios, ao lembrar que conservar este distintivo é unha responsabilidade compartida.

A rexedora subliñou ademais que, aínda que O Torno é o único areal cervense con Bandeira Azul, todas as praias do municipio destacan pola calidade das súas augas e pola beleza da súa contorna natural. O Concello confía en que veciños e visitantes gocen da costa este verán con responsabilidade e respecto polo medio ambiente.

0.11924290657043