A praia de Covas acolle a III Bandeira de Traiñeiras de Veteráns organizada polo CR Celeiro

AMariñaXa
A competición reunirá o sábado a unha decena de tripulacións masculinas e femininas no marco da Liga Galega
III-Bandeira-de-trainerina-veteran-Viveiro-2025
10 Jun 2025

Viveiro converterase este sábado, 14 de xuño, no epicentro do remo veterano en Galicia coa celebración da III Bandeira de Traiñeiras de Veteráns CR Celeiro, unha proba puntuable para a Liga Galega de Veteráns, que se disputa entre os meses de maio e xuño.

A regata, organizada polo Club de Remo Celeiro, desenvolverase a partir das 16.00 horas fronte á praia de Covas, na zona dos Castelos, e contará coa participación dunha decena de tripulacións masculinas e femininas, entre as que se atopan clubs como Cabo da Cruz, Vila de Cangas, AD Esteirana, CDM Mera ou CR Muros.

A presentación oficial tivo lugar na tarde deste xoves, coa presenza de José Manuel Prieto Sierra e Belén Pérez Pérez, en representación do CR Celeiro; o deputado de Rural, Mar e Mocidade, Daniel García, e mais a concelleira Miriam Bermúdez, que animaron á cidadanía a achegarse ata a contorna de Covas para gozar dunha tarde de deporte e tradición mariñeira.

Esta edición da bandeira será especial para o club anfitrión, xa que, por primeira vez desde que comezaron a incorporar mulleres de maneira habitual hai cinco anos, presentarán dúas tripulacións separadas por sexo —unha masculina e outra feminina— en lugar dunha mixta, o que reflicte o crecemento e consolidación da participación feminina no CR Celeiro.

A celebración da proba reforza a visibilidade do remo tradicional e a do propio club, que vén de ampliar recentemente o seu equipamento cunha nova traiñeiriña, grazas á colaboración da área de Deportes da Deputación de Lugo, que tamén apoia a organización do evento a través da súa Vicepresidencia.

⚙ Configurar cookies
0.1662769317627