A Pontenova vibrou cunha nova edición do Descenso de Carrilanas, agora con selo europeo

A Pontenova converteuse esta fin de semana nun auténtico epicentro do deporte de inercia coa celebración dunha nova edición do Descenso de Carrilanas, que nesta ocasión acadou categoría de Campionato Europeo. O evento, promovido polo Club Motoreo coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello da Pontenova, celebrou a súa última xornada este domingo, coa presenza do deputado de Mocidade, Daniel García.
O responsable provincial destacou o “traballo exemplar do Club Motoreo e das persoas colaboradoras”, subliñando a complexidade loxística dun evento deste tipo: “requírese unha grande mobilización de recursos técnicos e humanos para garantir tanto o espectáculo como a seguridade”. García tamén salientou o impacto que esta cita tivo no municipio, con días previos marcados pola chegada de pilotos e a celebración de espectáculos paralelos, como funcións de maxia, que dinamizaron a vida local.
A proba transcorreu desde Vilar das Pedras ata a rúa do Campo da Feira, nun percorrido especialmente acondicionado para garantir a seguridade dos participantes. As carrilanas máis rápidas acadaron velocidades medias de até 77 quilómetros por hora, o que puxo a proba tanto a destreza dos pilotos como a eficacia das medidas de seguridade.
Nesta edición, participaron máis de 120 corredores, entre os que se atopaban preto de vinte procedentes da propia Pontenova e da súa contorna. O carácter internacional do evento viuse reforzado coa presenza de representantes de Letonia, Bélxica, Francia e Italia, que comezaron a chegar á vila durante a semana.
A Vicepresidencia da Deputación, a través da área de Mocidade, contribuíu con 3.000 euros ao financiamento do evento, reforzando así o seu compromiso coa promoción da cultura xuvenil, do deporte alternativo e do desenvolvemento local.