A Pontenova terá un bosque escultórico inspirado nas antigas minas na Ruta das Minas

AMariñaXa
O proxecto combinará grandes esculturas de ferro e figuras pintadas nos troncos das árbores, cunha primeira fase que estará rematada antes de finalizar decembro e que se ampliará o próximo ano
rocio-e-maria-Pontenova-proxecto-rua-minas-bosque
19 Nov 2026

A Ruta das Minas de A Pontenova incorporará unha nova proposta artística que transformará parte do seu percorrido nun espazo expositivo ao aire libre. Trátase dun bosque pintado e escultórico impulsado pola pintora Rocío Pérez Oliva e pola escultora María Filipe Acebrás, natural de Riotorto, que traballan conxuntamente nun proxecto concibido para achegar a arte á paisaxe e ofrecer unha experiencia diferente ás persoas que visiten este itinerario.

A iniciativa, presentada por Rocío Pérez Oliva ao Centro de Iniciativas Turísticas (CIT), desenvolverase por fases e terá un alcance maior que a intervención que se está executando actualmente. Esta primeira etapa estará centrada na temática mineira e situarase na zona do ponte tibetano, dentro dun dos percorridos máis longos da Ruta das Minas.

A proposta inicial contempla a instalación de tres grandes esculturas de ferro que funcionarán como elementos de referencia ao longo do itinerario. Unha delas terá forma de gran portada e representará a entrada á ruta, como unha especie de acceso simbólico ao espazo mineiro. Non reproducirá a entrada dunha mina propiamente dita, senón o comezo do camiño que conduce ata ela.

A intervención completarase con diferentes figuras pintadas nos troncos das árbores. Deste xeito, as persoas que avancen polo percorrido irán descubrindo novos elementos artísticos ata chegar á zona do bosque, onde se desenvolverá a temática da intervención. A intención é integrar as creacións no contorno natural e facer que a propia ruta se converta nun espazo no que a arte apareza de maneira progresiva.

UN PROXECTO POR FASES.

Os traballos desta primeira parte realizaranse con ferro e a previsión é que estean rematados antes do 31 de decembro. A continuación, durante o próximo ano, está previsto continuar coa ampliación do bosque escultórico e incorporar novas pezas. Esa segunda fase incluirá tamén esculturas de madeira, que se sumarán ás estruturas metálicas xa instaladas.

A proposta nace dunha idea artística que Rocío Pérez Oliva tiña en mente antes de establecerse en A Pontenova. A pintora explica que inicialmente pensara desenvolver unha iniciativa relacionada con rutas artísticas en Cariño, onde varios creadores chegaran a buscar un espazo para levar adiante unha experiencia deste tipo.

Porén, unha visita familiar a A Pontenova acabou cambiando os seus plans. A súa familia estaba trasladándose ao municipio e ela achegouse para coñecer o lugar. A paisaxe e o atractivo da localidade convencérona ata o punto de decidir quedar e trasladar alí a idea que xa tiña proxectada. Foi así como comezou a tomar forma a posibilidade de crear un percorrido artístico vinculado á natureza e á identidade mineira da vila.

A ARTE NA RÚA.

A filosofía que está detrás desta iniciativa vai máis alá da creación dun espazo escultórico. Rocío defende que a arte debe estar presente nos lugares cotiáns e resultar accesible para toda a cidadanía, sen que sexa necesario acudir expresamente a unha galería ou a unha exposición para poder descubrila.

Nesa liña, a pintora tamén está colaborando coa Asociación de Comerciantes de A Pontenova nunha proposta para estas festas de Nadal. A intención é colocar obras de artistas locais en diferentes establecementos comerciais, de maneira que os cadros poidan formar parte da vida diaria da vila e chegar a persoas que habitualmente non visitan espazos expositivos.

A creadora considera especialmente importante que os nenos e nenas, os centros educativos e a veciñanza teñan a oportunidade de coñecer de preto o traballo dos artistas. Levar as obras aos comercios e aos espazos públicos permite, ao seu xuízo, facilitar ese contacto e contribuír a que a pintura e a escultura teñan maior presenza na sociedade.

A defensa desta relación directa entre arte e cidadanía está tamén vinculada á súa aposta polo medio rural. Rocío considera que iniciativas como o bosque escultórico permiten descentralizar a oferta cultural e ofrecer novas posibilidades a persoas que viven fóra das grandes cidades. A Ruta das Minas converterase así nun novo escenario para a creación, no que patrimonio, natureza e expresión artística compartirán protagonismo.

0.1661651134491