A Pontenova reivindica a tradición cabalar cunha fin de semana de festa no Alto de Neipín

AMariñaXa
A III Rapa das Bestas incluirá degustacións gratuítas, exhibicións ecuestres, música e unha comida popular para poñer en valor o cabalo de pura raza galega
rapa_das_bestas_a_pontenova_
16 Jul 2026

A Pontenova quenta motores para celebrar os días 17 e 18 de xullo a terceira edición da Rapa das Bestas, unha cita que medra ano tras ano e que volverá reunir veciñanza e visitantes arredor dunha das tradicións máis representativas do patrimonio cabalar galego.

As actividades comezarán o venres 17 de xullo cunha proposta gastronómica que permitirá degustar gratuitamente mini hamburguesas elaboradas con carne de cabalo de pura raza galega. A iniciativa desenvolverase en varios establecementos hostaleiros da vila, concretamente na Cafetería da Casa da Cultura, O Lar de Balbina, Bar Barreiros, Rony Bar e Sidrería A Mina.

A primeira xornada rematará coa celebración dun sorteo especial previsto para as 00.30 horas no Rony Bar, nun ambiente festivo que servirá de antesala para o día grande do evento.

O sábado 18 de xullo toda a actividade trasladarase ao Alto de Neipín, escenario habitual desta celebración. Alí, ás 11.30 horas, terá lugar a tradicional entrada das bestas ao curro, un dos momentos máis espectaculares e seguidos da programación.

A continuación, os asistentes poderán gozar dunha sesión vermú amenizada por DJ Bombardero, que poñerá música a unha mañá marcada pola convivencia e o contacto coa tradición.

Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas, desenvolverase unha demostración de doma de cabalos acompañada dunha exhibición ecuestre na que participará a escola de baile Magic Dance, combinando destreza, espectáculo e coordinación nunha proposta pensada para todos os públicos.

A programación completarase cunha comida popular organizada pola Pulpería Suso. O menú terá un prezo de 35 euros e as persoas interesadas en asistir poderán formalizar a súa reserva a través do teléfono 633 913 204.

Desde a organización destacan que a Rapa das Bestas busca preservar unha tradición profundamente ligada á historia da comarca, ao tempo que promove o coñecemento do cabalo de pura raza galega e dinamiza a actividade social e turística do municipio.

Con esta terceira edición, A Pontenova reforza a súa aposta por manter vivas as tradicións do rural e converter o Alto de Neipín nun lugar de encontro para os afeccionados ao mundo ecuestre e para todas aquelas persoas que desexen gozar dunha fin de semana diferente en plena natureza.

PROGRAMA

0.12028408050537