A Pontenova recibirá unha axuda de 30.000 euros para mellorar o alumeado público

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, mantivo un encontro institucional co alcalde da Pontenova, Darío Campos, no que analizaron diferentes actuacións de interese para o municipio.
Durante a reunión, Villares anunciou que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes concedeu unha axuda de 30.000 euros con cargo á liña competitiva do Fondo de Compensación Ambiental para mellorar a eficiencia enerxética da rede de alumeado público nos núcleos de Vilaeimil, San Paio e Vilarxubín.
O delegado destacou que este apoio permitirá continuar coa modernización das infraestruturas municipais e lembrou que na convocatoria do pasado ano a Xunta xa financiara con outros 30.000 euros a renovación do alumeado público en Vilaboa, Couso, Barreiriñas e Vilarmide. Ademais, destináronse 18.000 euros á renovación da fosa séptica do núcleo de Vilar de Conforto.
Villares tamén fixo referencia a outras actuacións impulsadas pola Administración autonómica na Pontenova, entre elas o convenio subscrito coa Consellería do Medio Rural para investir preto de 48.400 euros no acondicionamento da rede viaria municipal entre Pacios e Labrada.
O encontro enmárcase na rolda de visitas institucionais que o delegado territorial está a desenvolver polos concellos da provincia de Lugo co obxectivo de coñecer as necesidades dos municipios e coordinar actuacións coas administracións locais.