A Pontenova prepárase para vivir unha nova edición da súa Subida automovilística

A emoción do motor volverá á Mariña Oriental esta fin de semana coa celebración da XII Subida da Pontenova, unha das probas máis emblemáticas do calendario deportivo galego. A competición desenvolverase os días 28 e 29 de xuño, mantendo o trazado tradicional pola estrada LU-P-4803, entre A Pontenova e Augaxosa, en Riotorto.
O percorrido, de 4,8 quilómetros, discorre polas parroquias de Vilameá, Rececende e Santo Estevo, con puntos de especial interese para o público afeccionado como as curvas das Cruces e da Picota, ou o paso por Vilar das Pedras, que permiten gozar da habilidade dos pilotos nun trazado cheo de retos técnicos. A organización ofrecerá transporte gratuíto ao longo da ruta para facilitar o acceso aos distintos puntos do percorrido.
A Praza dos Fornos acollerá o parque de custodia, onde se concentrarán os vehículos participantes durante a mañá do sábado para realizar as pertinentes verificacións técnicas e administrativas. A competición desenvolverase en catro mangas cronometradas: dúas delas o sábado pola tarde e outras dúas o domingo pola mañá.
Na presentación oficial do evento, celebrada este mediodía, participaron representantes da Escudería A Pontenova, do Concello da Pontenova, da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, puxo en valor “o traballo organizativo que require un evento desta envergadura” e reafirmou “o compromiso da Vicepresidencia co deporte do motor”.
Castro destacou tamén a aposta da institución provincial polo apoio continuado a este tipo de probas a través de liñas como os premios para pilotos de rally ou o programa Volante Deputación. Nesta ocasión, a Deputación colabora coa Escudería A Pontenova cunha achega económica de 7.000 euros para a organización da carreira, que será a cuarta puntuable no Campionato Galego de Montaña.
Con esta nova edición, A Pontenova consolídase como un dos referentes do automobilismo galego, combinando deporte, paisaxe e dinamización local durante unha fin de semana que promete velocidade, emoción e moito ambiente.