A Pontenova, Meira e Trabada acollerán un Campionato Galego de fútbol sala

TerraChaXa | AMariñaXa
27 Feb 2019

O presidente da Deputación e Alcalde da Pontenova, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, e o Alcalde de Meira, Antonio de Dios Álvarez, presentaron este martes o Campionato Galego de Seleccións Comarcais de fútbol sala, que se celebrará entre os días 2 e 4 de marzo, nos concellos de A Pontenova, Trabada e Meira. No acto tamén participaron membros da Federación Galega de Fútbol, como o presidente do Comité Galego de Fútbol Sala e vicepresidente da RFGF, Pablo Prieto, e o vicepresidente da RFGF, Carlos Méndez ‘Negrín’.
Neste campionato, de carácter anual, competirán as seleccións comarcais de A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e A Mariña, nas categorías de benxamín (mixto), alevín (mixto e feminino) e infantil (masculino e feminino).
O presidente explicou que “serán 60 partidos, nos que participarán unhas 120 persoas entre xogadores e corpo técnico, que atraerán a cada sede a preto de 500 espectadores os días de competición. Un pulo moi importante para os concellos, nos que durante esta fin de semana multiplicaremos a nosa poboación, dinamizando a economía da contorna”.
Practicamente todas as seleccións presentarán equipos en todas as categorías, en dúas xornadas deportivas que se celebrarán desde as 9:30 horas ata as 21:00 horas. “É unha honra para os nosos concellos e para a Provincia, que veñan todos estes rapaces e rapazas, que teñen un gran nivel competitivo. Desde a Federación fixeron unha aposta clara polo deporte no rural, unha aposta que compartimos dende o Goberno da Deputación” destacou Campos Conde.
García Bermúdez remarcou que “o ano pasado xa celebramos a Final do Campionato nos concellos da Pontenova e Trabada, nas categorías de alevín e infantil, e este ano ampliamos as categorías e engadimos o terceiro vértice, que é Meira, para formar un triangulo onde o fútbol sala base sexa protagonista”.
Ademais o presidente quixo salientar que: “desde que as federacións de fútbol e fútbol sala son a mesma, poderán participar no encontro rapaces das canteiras do Celta de Vigo, do Deportivo da Coruña ou do CD Lugo, rapaces que de seguro en breve poderemos ver en categorías sénior de grandes equipos galegos, ademais que os gañadores poderán representar a Galicia no Campionato Nacional.”
Programa do torneo
Sábado, 2 de marzo
- Alevín mixto: Trabada
- Benxamín mixto: Meira
- Infantil feminino: A Pontenova
Luns, 4 de marzo
- Infantil masculino: A Pontenova
- Alevín feminino: Trabada
 

0.17813110351562