A Pontenova investe 290.000 euros do Plan Único en Vía Verde, servizos sociais e Escola de Música

O alcalde de A Pontenova, Darío Campo, detallou as actuacións incluídas no Plan Único da Deputación que permitirán mellorar infraestruturas e reforzar servizos municipais. Segundo explicou, unha das prioridades é a continuación da mellora da Vía Verde, que no seu caso coincide en parte cun tramo de estrada municipal. “Fixemos unha primeira fase, poñendo un paseo de zahorra, e agora queremos seguir ata Ervelle, son dous quilómetros e pico, e vamos poñer aglomerado asfaltado en quente ao que é a estrada municipal, e facer paralelamente un paseo con zahorra”, indicou o rexedor, destacando que o investimento previsto nesta actuación é de 210.000 euros.
Ademais da Vía Verde, o Concello tamén destinou fondos a reforzar servizos sociais e de mantemento. “No Plan Único metemos 40.000 euros dedicados ao Saf, e 28.000 euros para contratar a tres persoas durante o verán para colaborar nos labores de desbroce”, explicou Campo. Tamén se contempla a renovación das instalacións da Escola de Música, cunha partida de 12.000 euros para poñer e cambiar as máquinas de aire acondicionado que estaban avariadas e deron problemas.
En conxunto, as actuacións suman 290.000 euros, o total solicitado polo Concello dentro do Plan Único da Deputación, que permitirá avanzar na mellora das infraestruturas locais e en investimentos directos ao servizo da veciñanza. Campo subliñou que estas actuacións non só buscan modernizar a estrada e a Vía Verde, senón tamén mellorar a calidade de vida e o disfrute dos espazos públicos polos veciños.
O rexedor destacou que a planificación destas obras se realiza de xeito progresivo, comezando polos tramos máis urxentes e mantendo a coordinación cos servizos municipais para garantir que cada investimento teña un impacto visible e útil. “O obxectivo é combinar seguridade, mobilidade e ocio, creando un espazo accesible e atractivo para todos”, concluíu.