A Pontenova impulsa un curso de lingua galega aberto a toda a veciñanza

AMariñaXa
A actividade, de carácter gratuíto, desenvolverase durante 40 horas e incluirá preparación para as probas CELGA
A-Pontenova-escola-de-musica-e-casa-da-cultura
Escola de música
4 Nov 2025

O Concello da Pontenova vén de anunciar a posta en marcha dun curso de lingua galega dirixido a persoas de calquera nivel de coñecemento, co obxectivo de fomentar o uso e dominio do idioma entre a veciñanza. A iniciativa, que se desenvolverá na Aula da Casa da Cultura, comezará o mércores 12 de novembro e terá unha duración total de 40 horas.

As sesións terán lugar os mércores, de 19:00 a 20:00 horas, nun ambiente participativo e adaptado ás necesidades de cada participante. O curso será impartido por Xosé Lastra Muruais, quen guiará ao alumnado tanto na mellora das competencias lingüísticas como na preparación das probas oficiais de acreditación CELGA, segundo o nivel de cada persoa.

A actividade é completamente gratuíta, e as inscricións poden formalizarse a través do Concello da Pontenova, contactando con Teresa no teléfono 982 34 22 77.

A presentación oficial do curso está prevista para o mércores 12 de novembro ás 19:00 horas, e servirá como punto de encontro inicial entre o alumnado e o profesorado. Desde o Concello subliñan que esta proposta busca “reforzar a presenza da lingua galega en todos os ámbitos da vida diaria e ofrecer ferramentas útiles para a súa aprendizaxe e certificación”.

⚙ Configurar cookies
0.079469919204712