A Pontenova acolle o único descenso europeo de carrilanas con sabor a maxia e velocidade

A Pontenova converterase a finais de xullo nun dos epicentros europeos do deporte de inercia coa celebración do IV Descenso de Carrilanas, unha cita que reunirá a máis de cen participantes procedentes de sete países. A proba, organizada polo club Motoreo, conta co apoio da Xunta de Galicia e desenvolverase os días 26 e 27 de xullo, aínda que o programa arrincará xa o venres 25 co desfile de bandeiras das nacións participantes.
O evento, que se celebrou esta mañá na Praza dos Fornos coa presenza do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, é a única carreira puntuable para o Campionato Europeo de Carrilanas FISD neste 2025. Ademais, forma parte do circuíto da Copa Galicia e da Copa de España, o que reforza a súa dimensión deportiva.
A competición comezará o sábado 26 ás 11.00 horas coa subida dos vehículos dende a praza dos Fornos ata Vilar das Pedras. Alí celebraranse os adestramentos oficiais e dúas baixadas cronometradas. O domingo 27, o remonte arrancará ás 8.00 da mañá, seguido doutras dúas mangas oficiais. O trazado, que discorre pola estrada entre Vilar das Pedras e o centro da vila, combina tramos técnicos e rápidos que poñen a proba a habilidade e a creatividade dos pilotos.
Segundo avanzaron os organizadores, a cifra de inscritos supera xa os 80 e agardan chegar aos 100 antes do peche das inscricións, previsto para o venres 18 de xullo. O elevado número de participantes internacionais reforza o carácter aberto e competitivo dun evento que, ademais, funciona como motor de dinamización local.
O delegado da Xunta, Javier Arias, puxo en valor o esforzo do club Motoreo por manter e consolidar esta proba, que definiu como “un exemplo de como tradición, deporte e turismo poden ir da man”. Subliñou tamén a aposta da administración autonómica por este tipo de iniciativas “que proxectan Galicia cara ao exterior, fortalecen a nosa identidade cultural e contribúen á economía das comarcas rurais”.
A programación complétase cunha proposta cultural singular: o IV Festival Internacional de Maxia da Pontenova, tamén promovido polo club Motoreo. Durante toda a fin de semana haberá actuacións de ilusionistas recoñecidos a nivel nacional e internacional en distintos espazos do municipio. O domingo será a xornada máis intensa, con dous espectáculos destacados: a Gala de Maxia Infantil, ás 12.30 na Praza dos Fornos, e a Gran Gala Final de Maxia, ás 20.00 na Casa da Cultura.