A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca unha protesta polas listas de agarda no Hospital da Mariña

AMariñaXa
A mobilización, promovida xunto a SOS Sanidade Pública, reclama máis recursos para a sanidade pública e denuncia demoras de ata varios anos en consultas e probas diagnósticas
FOTO-CONCENTRACIÓN-HOSPITAL-mariña
30 May 2026

A Plataforma Sanitaria da Mariña anunciou a convocatoria dunha concentración diante do Hospital Público da Mariña para denunciar a situación das listas de agarda que, segundo aseguran, están a afectar de maneira grave á atención sanitaria da comarca. A mobilización, impulsada en colaboración con SOS Sanidade Pública, celebrarase o vindeiro 4 de xuño ás 12:00 horas.

Desde a plataforma sinalan que numerosos pacientes están a soportar esperas prolongadas para acceder a consultas especializadas e probas diagnósticas, con casos que, segundo afirman, superan amplamente o ano e que incluso chegan aos dous ou tres anos de demora. Consideran que esta situación está a provocar consecuencias importantes na saúde das persoas, ao retrasar diagnósticos, dificultar o seguimento de enfermidades crónicas e aumentar o risco de complicacións.

A coordinadora da Plataforma Sanitaria da Mariña, Montse Porteiro, fixo un chamamento á participación da cidadanía para visibilizar un problema que, ao seu xuízo, está xerando preocupación e inseguridade entre os pacientes. A representante do colectivo sostén que as listas de agarda actuais non reflicten a realidade que viven moitas persoas usuarias do sistema sanitario e insiste na necesidade de adoptar medidas urxentes.

Entre as reivindicacións expostas pola plataforma figuran o reforzo dos recursos na atención primaria e hospitalaria, a optimización da actividade dos hospitais públicos, a redución das derivacións á sanidade privada e unha maior transparencia na información relativa ás listas de espera. Tamén reclaman unha aposta decidida pola sanidade pública e por mellorar as condicións que permitan garantir unha atención asistencial de calidade.

Segundo os convocantes, a concentración pretende trasladar unha mensaxe clara ás administracións para que adopten solucións que permitan reducir os tempos de espera e mellorar a atención sanitaria na Mariña.

0.11775708198547