A Plataforma Sanitaria da Mariña anuncia en Viveiro a entrega das sinaturas en xaneiro

Viveiro volveu ser escenario dunha nova concentración convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña, unha mobilización que se repite cada quince días desde o pasado mes de maio para reclamar a cobertura completa do persoal sanitario no centro de saúde da vila. Profesionais e veciñanza reuníronse unha vez máis para denunciar a falta de médicos, persoal de enfermaría, técnicos e traballadores administrativos, unha situación que, segundo o colectivo, continúa sen solucións efectivas.
Desde a plataforma advirten de que a plantilla médica segue moi reducida, con numerosas ausencias que non están a ser substituídas, o que provoca que os cupos de pacientes recaian sobre un número cada vez máis limitado de profesionais. Esta sobrecarga, explican, supón atender a un volume de usuarios moi superior aos estándares de calidade recomendables. Ademais, salientan que moitas persoas carecen de médico ou médica de familia asignado, o que impide un seguimento continuado e unha relación terapéutica estable.
Durante a concentración tamén se deu a coñecer o avance da campaña de recollida de sinaturas, que suma xa arredor de cinco mil apoios. A Plataforma Sanitaria prevé continuar coa iniciativa nos vindeiros días co obxectivo de acadar o maior número posible de adhesións.
A coordinadora do colectivo, Montse Porteiro, quixo recoñecer publicamente o esforzo das persoas que participaron durante meses na recollida de sinaturas, así como a colaboración de comercios, bares e establecementos que facilitaron espazos para achegar os pregos á cidadanía. Tamén trasladou o agradecemento a todas as persoas que, coa súa sinatura, reclaman unha sanidade pública de calidade, digna e equitativa.
A plataforma anunciou tamén cambios no calendario de mobilizacións. A concentración celebrada en Viveiro será a última deste ano, mentres que no mes de xaneiro de 2026 terá lugar unha única convocatoria. Segundo explicou Samuel Fernández Bouza, o día escollido será o 15 de xaneiro, xornada na que se procederá ao rexistro e á entrega oficial das sinaturas. Ese día haberá, ademais, novidades tanto no emprazamento como no formato da protesta, detalles que se darán a coñecer máis adiante.