A Plataforma Sanitaria convoca unha concentración en San Cibrao pola falta de pediatra

GaliciaXa | AMariñaXa
A mobilización terá lugar diante do centro de saúde ás 11.00 horas para reclamar a recuperación da atención infantil, tamén afectada no municipio de Xove
atencion-sanitaria-pediatria-xove
30 Oct 2026

A falta continuada de pediatra nos centros de saúde de San Cibrao e Xove levará á Plataforma Sanitaria da Mariña a convocar unha nova mobilización. O colectivo chama á cidadanía a participar nunha concentración o vindeiro mércores 4 de novembro, ás 11.00 horas, diante do centro de saúde de San Cibrao, para reclamar unha solución á ausencia dunha profesional que se prolonga desde hai case un mes.

A situación está a deixar as familias sen atención pediátrica ordinaria e sen un seguimento continuado da saúde dos menores. Segundo denuncia a plataforma, a ausencia do servizo está provocando que se aprazan sen unha data definida os controis e as revisións relacionadas co desenvolvemento infantil, ademais de dificultar a atención dos procesos patolóxicos habituais.

A alternativa trasladada pola Xerencia da área sanitaria pasa por derivar os casos urxentes ao centro de saúde de Burela ou ao Punto de Atención Continuada (PAC) desta localidade. Unha resposta que o colectivo considera insuficiente, xa que o centro burelés tamén se atopa nunha situación de falta de persoal e conta unicamente coa metade da súa dotación de pediatras.

A problemática afecta igualmente a Xove, xa que ambos os centros comparten a profesional que presta este servizo. Deste xeito, a ausencia prolongada está a repercutir na atención das crianzas de dúas localidades da comarca.

A coordinadora da Plataforma Sanitaria da Mariña, Montse Porteiro, amosouse moi crítica coa actuación da Xerencia e da Consellería de Sanidade. Considera que esta situación constitúe unha nova mostra do deterioro dos servizos sanitarios na comarca e cuestiona as declaracións do conselleiro sobre a cobertura das prazas de pediatría.

"Estamos diante dunha mostra máis do abandono programado ao que o goberno da Xunta somete á comarca da Mariña", afirma Porteiro, que considera "inaceptable" que as familias de San Cibrao e Xove leven case un mes sen pediatra mentres o responsable autonómico asegura que todas as prazas están cubertas, agás a segunda de Viveiro.

Para a representante do colectivo, estas afirmacións "xa transcenden a mala xestión e constitúen unha burla ás mariñás e mariñaos".

Porteiro tamén cuestiona as explicacións ofrecidas pola Xerencia despois da concentración celebrada en Xove a semana pasada. Naquel momento, o responsable da área sanitaria asegurou que as crianzas dos dous municipios estaban a ser atendidas por pediatras do hospital. A coordinadora considera que esta resposta non resolve o problema, especialmente tendo en conta que o servizo de pediatría hospitalario tamén atravesa dificultades, con tres ausencias de profesionais.

Desde a plataforma reclaman á Xerencia que ofreza explicacións rigorosas e solucións efectivas, en lugar de respostas improvisadas cando se lle cuestiona pola falta de cobertura asistencial.

O colectivo fai, ademais, un chamamento á mobilización de toda a cidadanía da Mariña, con independencia de que as persoas teñan ou non fillos. A entidade entende que a perda de servizos sanitarios non afecta unicamente ás familias con menores, senón ao conxunto da poboación.

A plataforma advirte de que privar as crianzas da atención pediátrica supón desprotexer un colectivo especialmente vulnerable, pero enmarca esta situación nun problema máis amplo de deterioro da sanidade pública na comarca. Por iso, anima a participar na concentración do 4 de novembro para reclamar unha atención sanitaria digna e garantir a recuperación dos servizos.

0.15732097625732