A Plataforma de afectados pola suba de tarifas da residencia de Foz considera "anómala" a última mesa de contratación

Foz
AMariñaXa
Reclaman un posicionamento expreso dos restantes grupos políticos municipais
Imaxe recurso do coidado de persoas maiores
Imaxe recurso do coidado de persoas maiores
11 Xul 2024

Os integrantes da Plataforma de afectados pola suba abusiva de tarifas da Residencia e Centro de Día de Foz denuncian un novo episodio de ocultación e por parte do alcalde e cualifican as circunstancias que rodean a última sesión da Mesa de Contratación como “anómalas”. O día 2 de xullo o TACGAL ditou unha resolución pola que se anulaba o acordo do Pleno do 30 de maio.

Como aparece reflexada na acta da Mesa de Contratación, o día 4, o presidenta da mesma, Francisco Cajoto, requiriu a empresa CK Senior Gestión para que esta entregase información adicional, dándolle un prazo de cinco dias naturais para elo. Afirman que na mañá do 5, o Concello xa dispoñía dun extenso informe, redactado por un avogado, no que se avalía a documentación presentada o día anterior. O autor do informe considéraa como válida e suficiente, concluíndo que a oferta non debe considerarse como anómala nin temeraria.

“Sobre desta base, ás 13.30 horas do mesmo día 5, a Mesa de Contratación xa tiña tomado a decisión de volver a propor ó Pleno a CK Senior Gestión como adxudicataria da concesión”. Resúltalles “incrible” que só nun día e medio “o alcalde reclama información a empresa, esta entrégalla, un asesor externo analízaa, dáa por boa, redacta un informe, preséntao a Mesa de Contratación e esta examínao e resolve tamén sobre a marcha. Nin un só voto discrepante e a ningún dos asistentes lle fixo falta tempo para revisala polo miúdo”.

Ademais, aseguran que   na licitación de 2018, na Mesa tiveron representación tódalas forzas políticas – incluída a oposición – , e as súas sesións, anunciadas con días de antelación, celebráronse publicamente, podendo asistir a elas calquera interesado. Sinalan tamén que no informe do novo asesor externo hai erro pois pon que estiman unha rentabilidade final dos 7 anos nun 8,7 % cando “si se examina o estudio de viabilidade sobre o cal se baseou toda a concesión, neste, dita rendibilidade estimase nun 6,64 %, que unha vez recalculada pola oferta a baixa realizada por CK Senior Gestión quedaría nun 4,74 %”.

É dicir, “evidénciase que o Concello e os seus asesores saben e dan por bo que a rendibilidade da concesionaria será moi superior a estimada nos estudios – case o dobre da prevista nestes –, algo que a empresa logrará grazas a os abusivos e irracionais prezos que se pretenden impor a os usuarios”. Tendo en conta que o día 8 a concelleira de Asuntos Sociais se abriu a un diálogo de cara a estudar a constitución dunha mesa de negociación previa ao pleno, “o máis axeitado sería que o alcalde non andivera con tantas presas outra vez máis”.

Para eles, esta actitude súa “só pode interpretarse como un novo engano e un intento de manternos calados para poder continuar coa súa política de feitos consumados que nós vimos denunciando”. A Plataforma pregúntase se o socio de goberno do alcalde era “sabedor de antemán de todo o que demos a coñecer á opinión pública neste e en anteriores comunicados. De non ser así, aceptando que foron vítimas dunha manipulación similar á nosa, agardamos deles un novo posicionamento expreso, e a adopción de accións claras, decididas e inmediatas co fin de que, dunha vez, se reconduza todo o proceso”, aseguran.

0.19442701339722