A Plataforma de afectados pola suba de tarifas da residencia de Foz considera "anómala" a última mesa de contratación
Os integrantes da Plataforma de afectados pola suba abusiva de tarifas da Residencia e Centro de Día de Foz denuncian un novo episodio de ocultación e por parte do alcalde e cualifican as circunstancias que rodean a última sesión da Mesa de Contratación como “anómalas”. O día 2 de xullo o TACGAL ditou unha resolución pola que se anulaba o acordo do Pleno do 30 de maio.
Como aparece reflexada na acta da Mesa de Contratación, o día 4, o presidenta da mesma, Francisco Cajoto, requiriu a empresa CK Senior Gestión para que esta entregase información adicional, dándolle un prazo de cinco dias naturais para elo. Afirman que na mañá do 5, o Concello xa dispoñía dun extenso informe, redactado por un avogado, no que se avalía a documentación presentada o día anterior. O autor do informe considéraa como válida e suficiente, concluíndo que a oferta non debe considerarse como anómala nin temeraria.
“Sobre desta base, ás 13.30 horas do mesmo día 5, a Mesa de Contratación xa tiña tomado a decisión de volver a propor ó Pleno a CK Senior Gestión como adxudicataria da concesión”. Resúltalles “incrible” que só nun día e medio “o alcalde reclama información a empresa, esta entrégalla, un asesor externo analízaa, dáa por boa, redacta un informe, preséntao a Mesa de Contratación e esta examínao e resolve tamén sobre a marcha. Nin un só voto discrepante e a ningún dos asistentes lle fixo falta tempo para revisala polo miúdo”.
Ademais, aseguran que na licitación de 2018, na Mesa tiveron representación tódalas forzas políticas – incluída a oposición – , e as súas sesións, anunciadas con días de antelación, celebráronse publicamente, podendo asistir a elas calquera interesado. Sinalan tamén que no informe do novo asesor externo hai erro pois pon que estiman unha rentabilidade final dos 7 anos nun 8,7 % cando “si se examina o estudio de viabilidade sobre o cal se baseou toda a concesión, neste, dita rendibilidade estimase nun 6,64 %, que unha vez recalculada pola oferta a baixa realizada por CK Senior Gestión quedaría nun 4,74 %”.
É dicir, “evidénciase que o Concello e os seus asesores saben e dan por bo que a rendibilidade da concesionaria será moi superior a estimada nos estudios – case o dobre da prevista nestes –, algo que a empresa logrará grazas a os abusivos e irracionais prezos que se pretenden impor a os usuarios”. Tendo en conta que o día 8 a concelleira de Asuntos Sociais se abriu a un diálogo de cara a estudar a constitución dunha mesa de negociación previa ao pleno, “o máis axeitado sería que o alcalde non andivera con tantas presas outra vez máis”.
Para eles, esta actitude súa “só pode interpretarse como un novo engano e un intento de manternos calados para poder continuar coa súa política de feitos consumados que nós vimos denunciando”. A Plataforma pregúntase se o socio de goberno do alcalde era “sabedor de antemán de todo o que demos a coñecer á opinión pública neste e en anteriores comunicados. De non ser así, aceptando que foron vítimas dunha manipulación similar á nosa, agardamos deles un novo posicionamento expreso, e a adopción de accións claras, decididas e inmediatas co fin de que, dunha vez, se reconduza todo o proceso”, aseguran.