A piscina municipal de Viveiro abre a preinscrición para a nova tempada de actividades

AMariñaXa
A programación comezará o 5 de outubro con propostas como natación, pilates, TRX, ciclo indoor, forza ou ximnasia na auga
piscina-natacion
1 Sep 2026

A piscina municipal de Viveiro prepara o inicio dunha nova tempada de actividades dirixidas, que arrancará o vindeiro 5 de outubro cunha ampla programación destinada a fomentar a práctica deportiva entre persoas de diferentes idades.

A oferta para o curso 2026/2027 inclúe disciplinas como natación, ximnasia na auga, forza, TRX, pilates, intervalos e ciclo indoor, con diferentes días e horarios para facilitar a participación dos usuarios das instalacións municipais.

O período de preinscrición permanecerá aberto do 1 ao 23 de setembro. No caso daqueles grupos nos que o número de solicitudes sexa superior ao das prazas dispoñibles, o Concello realizará un sorteo o 24 de setembro para determinar as persoas admitidas.

Como antesala ao inicio da programación, entre o 14 e o 30 de setembro desenvolveranse unhas xornadas de portas abertas que permitirán probar as distintas modalidades. A participación será gratuíta para os socios da piscina, aínda que será necesario anotarse previamente na recepción das instalacións.

Tamén se abre a preinscrición para os cursos de natación infantil, que contan cunha normativa específica para a asignación das prazas e a organización dos grupos.

As persoas interesadas poden consultar na piscina municipal os horarios e características de cada unha das propostas, así como realizar os trámites de preinscrición. Para ampliar información tamén está dispoñible o teléfono 982 570 610.

0.13102102279663