A pintura de Xolo enche de cor a Casa da Cultura de Cervo coa exposición "Arte neofuturista"

A Casa da Cultura de Cervo acolle a exposición "Arte neofuturista", unha colección de pinturas de Xosé López Losada, coñecido artisticamente como Xolo, na que a cor, a creatividade e a expresión das emocións ocupan un lugar central. A mostra foi inaugurada este mediodía nun acto no que o artista estivo acompañado por compañeiros e compañeiras da asociación Saúde Mental A Mariña.
Un dos momentos máis destacados da inauguración foi a entrega de dúas das súas obras á alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, como agasallo. A rexedora agradeceu ao pintor que compartise o seu traballo coa veciñanza e destacou a capacidade da súa obra para transmitir sentimentos a través da pintura.
"É un orgullo poder gozar da túa arte e da túa maneira tan especial de transmitir emocións a través da pintura. Grazas por compartir con nós o teu talento e por regalarnos unha mostra chea de vida, alegría e sensibilidade", sinalou García Caramés.
A arte como espazo de expresión e inclusión
A alcaldesa, que asistiu á inauguración xunto á concelleira de Servizos Sociais, Pilar Armada, puxo tamén en valor a importancia de iniciativas culturais que permiten dar visibilidade ao traballo artístico e ao labor de entidades como Saúde Mental A Mariña.
"É unha alegría ver como a arte se converte nun espazo para compartir emocións, expresar sentimentos e encher de cor e ilusión a nosa Casa da Cultura", afirmou, ao tempo que reiterou o compromiso municipal co apoio a propostas deste tipo.
Desde o Concello convidan á veciñanza e ás persoas que visiten Cervo a achegarse á Casa da Cultura para descubrir o universo creativo de Xolo e coñecer a súa particular forma de interpretar e expresar emocións a través da pintura.