A pegada da comunidade caboverdiana en Burela con Batuko Tabanka
A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acolleu esta mañá a presentación dun directorio de mulleres artistas migrantes, que pretende dar visibilidade e reclamar a atención de programadores públicos e privados sobre estas creadoras.
O directorio, elaborado no marco do proxecto ‘As mulleres migrantes nas artes escénicas. Un diálogo entre Cabo Verde e Galiza’ desenvolvido polo colectivo investigador Mulleres á fronte que reúne especialistas en migración, xénero e coidados das tres universidades galegas, inclúe 32 iniciativas artísticas femininas -individuais e colectivas – vinculadas a migración, que reflexionan sobre a identidade, o desprazamento e a intersección de culturas desde diferentes disciplinas, fundamentalmente desde o teatro, a danza e a música.
A deputada de Cultura Iria Castro, o tenente alcalde e concelleiro de Educación, Inmigración e Xuventude Mario Pillado e a xerente da Rede Museística Provincial de Lugo Encarna Lago acompañaron ás investigadoras e artistas que participaron no acto: Batuko Tabanka -acompañadas por Marina Vaz, a batukeira máis maior de Cabo Verde, Nilda Borges, Artemisa Semedo (que interviu desde Cabo Verde), Kirenia Martínez, Miriam Sandoval e Mariana Rodrigo.
Iria Castro e Encarna Lago expuxeron “o compromiso da Rede Museística Provincial para programar actividades e xerar lazos e espazos de encontro, para visibilizar as creacións artísticas e as manifestacións culturais das comunidades migrantes, desde unha perspectiva inclusiva e tendo en conta a interseccionalidade das desigualdades, que engade dificultades á proxección das mulleres migrantes artistas”.
Mario Pillado puxo en relevo “a achega da comunidade caboverdiana é incalculable, non se pode concibir o desenvolvemento de Burela sen a súa pegada e unha mostra desa pegada son as batukadeiras de Batuko Tabanka. Por iso é un orgullo e unha honra estar xunto con elas en calquera lugar do mundo”.