A parroquia Ría de Abres, en Trabada, contará co seu propio centro social
O alcalde de Trabada, Rubén García, asinou un convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo e o concello para cooperar no financiamento da construción dun centro social na parroquia Ría de Abres. Para executar a actuación, cun orzamento de 196.253,60 euros, a achega da Deputación de Lugo será de 190.000 euros, polos 6.253,60 euros que aportará o concello.
“Quero dar de novo as grazas á Deputación para levar a cabo e colaborar con proxectos moi importantes para Trabada”, asegura Rubén García. Ría de Abres é “a única parroquia que non conta cun lugar para que os veciños e veciñas realicen actividades ou obradoiros”, engade o alcalde.
O centro social estará xunto á área de autocaravanas e “desta forma continuamos coa mellora dos servizos e infraestruturas públicas en todo o concello”, remata Rubén García. O mandatario provincial enmarcou esta colaboración económica “no compromiso que mantemos desde a institución provincial coa cooperación con todos os concellos da provincia. Este proxecto é a mostra de que atendemos as necesidades dos nosos veciños e veciñas e seguimos dotando ao rural de servizos de calidade que melloren o día a día da poboación”.