A parroquia da Rúa celebra a Candelaria cunha completa programación festiva e gastronómica

AMariñaXa
As festas patronais inauguran o calendario festivo de Cervo cunha nova edición da Festa dos Callos, verbenas e actos relixiosos
Presentacion-festa-candelaria-cervo-Rua-2026
Fotografía de la presentación 2024
28 Jan 2026

A parroquia da Rúa converterase esta fin de semana, do 30 de xaneiro ao 2 de febreiro, nun dos principais puntos de encontro festivo do municipio de Cervo coa celebración dunha nova edición das tradicionais festas da Candelaria, a primeira cita patronal do ano na localidade.

A programación foi presentada pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, xunto ao concelleiro Adrián Arias e representantes da Comisión de Festas e da SD Candelaria, entidade encargada de organizar a Festa dos Callos, un dos eventos máis agardados destas celebracións.

Os festexos arrancarán o venres 30 de xaneiro coa celebración da III Festa dos Callos, que dará comezo ás 21:00 horas. A partir das 22:30 horas, a música tomará o protagonismo cunha gran verbena a cargo da orquestra Los Satélites, seguida da actuación da Disco Móbil Conxuro, que se encargará de alongar a noite festiva. O prezo do menú é de 12 euros e os tickets poden adquirirse en distintos establecementos hostaleiros da comarca ou a través do teléfono 615 17 74 31.

O sábado 31 de xaneiro estará marcado polos actos relixiosos e a música. Ás 13:00 horas celebrarase unha misa cantada polo Coro Parroquial de Cervo, seguida dunha procesión acompañada polos gaiteiros de Ledicia. A continuación, terá lugar a sesión vermú amenizada polo grupo Primera Línea. Xa pola noite, a partir das 22:00 horas, celebrarase unha gran verbena coa actuación das orquestras Origen e Olympus.

A programación continuará o domingo 1 de febreiro cunha misa cantada ás 13:00 horas, novamente interpretada polo Coro Parroquial de Cervo, e unha procesión acompañada polos Gaiteiros de Ledicia. A xornada completarase cunha longa sesión vermú a cargo do Grupo Fénix.

O luns 2 de febreiro, día grande da patroa, a Candelaria, celebrarase ás 13:00 horas unha misa cantada polo Coro Parroquial de Cervo, seguida dunha procesión acompañada por gaiteiros, poñendo o broche final a catro días de celebración.

A alcaldesa de Cervo salientou a importancia destas festas para a vida social e cultural do municipio e destacou que “a Candelaria é unha celebración moi querida, que cada ano reúne á veciñanza arredor das nosas tradicións e contribúe a dinamizar a parroquia”. Así mesmo, puxo en valor “o traballo da Comisión de Festas e da SD Candelaria por facer posible un programa atractivo e de calidade”.

Desde o Concello de Cervo anímase tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a participar nas festas da Candelaria, unha cita que combina tradición, gastronomía e música, e que serve para abrir o calendario festivo do ano no municipio.

⚙ Configurar cookies
0.075745105743408