A Pancha regresa a Ribadeo con máis de 80 negocios adheridos e 65.000 euros de orzamento

AMariñaXa
A moeda local subvencionará o 25% das compras, cunha achega máxima de 100 euros por persoa, e poderá utilizarse ata o 28 de decembro
pancha-ribadeo
30 Oct 2026

A moeda local de Ribadeo, A Pancha, volverá estar operativa este domingo, 1 de novembro, cunha nova campaña destinada a impulsar o consumo nos negocios do municipio. A iniciativa chega á súa oitava edición cunha boa resposta do tecido empresarial, xa que conta con máis de 80 establecementos adheridos dos sectores do comercio, a hostalaría, o turismo e os servizos.

O Concello reserva para esta convocatoria un orzamento de 65.000 euros, que se destinarán a subvencionar o 25% do importe das compras realizadas polas persoas participantes. Así, por cada 30 euros achegados, a persoa usuaria recibirá outros 10 euros en Panchas, ata un máximo de 100 euros de axuda por beneficiario.

A campaña, promovida pola Área de Promoción Económica, Iniciativa Empresarial, Turismo e Comercio, pretende favorecer que o gasto permaneza no municipio e repercuta directamente na actividade dos establecementos locais. As persoas maiores de 18 anos poderán adquirir a moeda a través da plataforma dixital www.pancharibadeo.gal e empregala nos negocios participantes entre o 1 de novembro e o 28 de decembro de 2026, segundo as condicións recollidas nas bases.

A concelleira de Comercio, Marta Saiz, puxo en valor a participación de máis de 80 negocios, que considera unha mostra do compromiso do empresariado coa iniciativa. A edil destacou que esta rede de establecementos permitirá á cidadanía utilizar as Panchas nunha ampla variedade de actividades económicas.

Saiz tamén animou á veciñanza a sumarse á campaña e aproveitar o incentivo para realizar as súas compras no comercio e na hostalaría local. Segundo sinalou, cada adquisición contribúe a apoiar o emprego e a manter activo o tecido económico de Ribadeo.

Pola súa banda, a presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, valorou a chegada dunha nova edición nun período no que se incrementan as compras, os agasallos e as celebracións. Considera que a moeda local ofrece unha oportunidade para aproveitar os descontos en máis de 80 negocios do municipio.

Cruzado amosou tamén a satisfacción da asociación pola participación nesta oitava convocatoria e lembrou que o 75% dos establecementos adheridos son socios de Acisa. A entidade colabora un ano máis co Concello nunha campaña que xa está consolidada no calendario comercial ribadense.

0.14734697341919