A Panceparty regresa a Foz cunha xornada de gastronomía, música e animación

Foz
AMariñaXa
O Campo da Cabana acollerá este sábado 22 a sexta edición da festa, con sesión vermú, degustación de panceta e lagostinos, sorteos e actuacións
Foz-VI-PANCEPARTY-FOZ
20 Aug 2026

A Panceparty volverá converter o Campo da Cabana de Foz nun punto de encontro arredor da gastronomía e da música. A sexta edición desta celebración terá lugar este sábado 22 de agosto cun programa que se prolongará desde o mediodía e que combinará degustacións, actuacións, animación e sorteos.

A festa, organizada polo colectivo focego Éche o que hai, naceu en 2018 como unha homenaxe á panceta de porco, un produto moi presente na gastronomía galega. Desde aquela primeira convocatoria, a cita foi aumentando a súa participación ata facerse un oco entre as propostas estivais do municipio.

A programación comezará ás 13.00 horas cunha sesión vermú amenizada con música en directo. Nesta primeira parte da xornada tamén haberá servizo de pulpeiro, que permanecerá dispoñible ata as 15.00 horas para quen queira quedar a comer no propio Campo da Cabana.

Tras unha pausa, a actividade regresará ás 19.00 horas cun dos momentos centrais da Panceparty: a degustación gastronómica. O público poderá escoller entre unha ración de panceta con chourizo, acompañada de pan e auga ou viño, ou unha ración de lagostinos co mesmo acompañamento. O prezo será de 13 euros en ambos os casos e incluirá tamén a participación nos sorteos previstos pola organización.

A música terá igualmente un peso destacado durante a celebración. O dúo Puma será o encargado de animar a festa, mentres que Puzzle Animación completará a proposta con diferentes actividades destinadas a dinamizar o ambiente ao longo da xornada.

A organización confía en manter a boa resposta de público acadada nas edicións anteriores e continuar coa evolución ascendente dunha festa que busca reunir tanto á veciñanza como ás persoas que pasan estes días de verán en Foz.

As entradas poden adquirirse de maneira anticipada, unha opción coa que os asistentes poderán evitar as colas de acceso o propio día da celebración.

A VI Panceparty está organizada por Éche o que hai e conta coa colaboración do Concello de Foz e da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

0.13005304336548