A OPP7 Burela recorre diante do Tribunal Xeral da UE o regulamento da Comisión Europea

AMariñaXa
A OPP7 Burela recorre diante do Tribunal Xeral da Unión Europea o regulamento da Comisión Europea 2022/1614
OPP 7 burela recurso UE
OPP 7 burela recurso UE
20 dic 2022

A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela presentou aos seus socios codemandantes o recurso de anulación que  interpuxo o pasado 13 de decembro diante do Tribunal Xeral da Unión  Europea en Luxemburgo contra o Regulamento de Execución 2022/1614 do  15 de setembro de 2022, polo que se determinan as zonas nas que se  prohibe a pesca con artes de fondo.

Na demanda participan 16 empresas que agrupan a 21 barcos vinculados á  OPP do Porto de Burela, preocupados polo impacto moi grave que este  Regulamento supón para a viabilidade económica da frota.

A OPP-7 Burela mostra así a súa desconformidade co devandito Regulamento da Comisión Europea ao considerar que a veda de pesca que  se impón nas zonas identificadas é ilegal por discriminatoria e  desproporcionada, polo que solicita ao TXUE a anulación do devandito  Regulamento.

Ademais, a Comisión non tivo en consideración o impacto socioeconómico  real do Regulamento, xa que, segundo os datos recabados pola OPP  Burela, tan só nos primeiros 50 días desde a súa entrada en vigor xa supuxo  un descenso de máis do 30% no volume de capturas. De manterse esta  situación, os escenarios que se manexan desde o Porto de Burela alertan de  danos irreversibles para a súa frota.

O Recurso de Anulación presentado pola OPP Burela, que se basea en  diferentes estudos e datos acreditados por diversas entidades, apóiase nunha  serie de puntos principais:

  • Sostén que a prohibición de pesca imponse de forma indistinta sobre  artes de pesca que por definición son completamente diferentes,  ignorando as características técnicas particulares de cada unha delas  e o seu impacto radicalmente distinto no fondo mariño.
  • As sociedades que integran a OPP do Porto de Burela utilizan o  palangre demersal para a pesca de pescada, arte de pesca  recoñecido como o máis sostible e compatible coa protección dos  fondos mariños segundo a Organización das Nacións Unidas para a  Alimentación e a Agricultura, así como outras entidades públicas e  privadas.
  • O Regulamento da Comisión vulnera o principio de non  discriminación, dado que impón restricións non uniformes nas augas  dos distintos Estados Membros.
  • Á hora de redactar este Regulamento non se tivo en conta a mellor  información técnica dispoñible, dado que se utilizaron estudos  técnicos nos que se recoñecía que non se puido ter en conta a actividade pesqueira con artes fixas (a pesar de que a restrición de  pesca afectaba igualmente a estas artes).
  • O Regulamento empregou unha metodoloxía inadecuada e  desproporcionada ao delimitar as zonas nas que facía efectiva esta  restrición para as artes fixas en xeral e o palangre en particular.