A OPP Burela promove o coñecemento sobre a Obrigación de Desembarque

AMariñaXa
Na xornada sobre 'Obrigación de desembarque e valorización de especies de alto potencial comercializador'
burela_OPP7_18936
29 Nov 2024

A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela organizou unha nova edición da súa xornada anual sobre 'Obrigación de desembarque e valorización de especies de alto potencial comercializador', á que asistiron representantes de 26 barcos das empresas asociadas á OPP e que identifican as súas distintas modalidades de pesca.

Na apertura da xornada, que tivo lugar no salón de actos de Armadores de Burela, participaron o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Antonio Basanta, e Sergio López, xerente de OPP Burela. O acto dividiuse en tres bloques temáticos atendendo ao propio título da xornada.

A primeira parte serviu para analizar as novidades na implemetación da OD para o próximo ano, desde unha dobre perspectiva da administración pública: desde a xestión pesqueira (Subdirección Xeral de Caladoiro Nacional e Augas Europeas do MAPA) e desde o control (Subdirección Xeral de Vixilancia e Loita contra a Pesca Ilegal do MAPA).

Na segunda parte da xornada presentáronse de forma práctica os resultados do proxecto REDIPESCA 2, proxecto dirixido polo IEO e realizado na frota de arrastre de fondo de litoral, no que, ademais de analizar a selectividade da arte de pesca, comprobáronse os resultados cunhas novas portas voadoras para evitar o seu contacto nos fondos mariños, analizouse o rendemento das capturas e as melloras no consumo de combustible. Os seus obxectivos eran os de diminuír o impacto ecolóxico, diminuír o consumo enerxético (ao eliminar a fricción cos fondos), mellorar a seguridade nas largadas e viradas e mellorar a calidade nas capturas.

A terceira parte da xornada consistiu na presentación de dous proxectos da OPP Burela a cargo de Julio Sánchez, responsable da consultora Imbatia. Por unha banda, expuxéronse as conclusións do plan de aliñación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) realizado durante o ano pasado, e por outro presentouse un futuro proxecto a desenvolver en 2025 sobre a posible descarbonización nas frotas da OPP.

Como en anos anteriores, a xornada finalizou cunha degustación gastronómica de especies de alto potencial comercializador. Nesta edición seleccionáronse sete especies en representación das diferentes frotas: caella, peixe espada, cabra de altura, bertorella, sabre negro, pota e xurelo. As receitas que se puideron degustar nesta edición foron: empanada de millo con xurelo, fritos de pota con panko, goulash de tintorera, hamburguesas de peixe espada, croquetas de cabra de altura, salpicón de bertorella e mariscos, e por último, sabre negro marinado en redución de Albariño.

Estas xornadas enmárcanse no obxectivo da prevención e redución das capturas non desexadas, e para manter informados os socios da OPP sobre as prácticas de pesca que eviten e reduzan as capturas non desexadas e promover a súa valorización á vez que promoven o coñecemento sobre a Obrigación de Desembarque.

0.16689515113831