A oposición fala: Mondoñedo

AMariñaXa
Esperanza González do PSOE e o nacionalista Eloi Cabanas apostan por fixar poboación, promover a actividade agrícola e centrarse nas parroquias
a-oposición-fala-mondoñedo
24 Nov 2024

Lucía Blanco

O control de Goberno é unha das tarefas que lle corresponde á oposición de cada concello, que tamén se encarga de detectar as necesidades da veciñanza. Esperanza González do PSOE e o nacionalista Eloi Cabanas exercen estas funcións no municipio de Mondoñedo e apostan por promover a actividade agrícola, gandeira e empresarial, fixar poboación e destinar máis investimentos para as distintas parroquias. “Nós entendemos a oposición como algo construtivo, estamos aquí para aportar solucións con outros puntos de vista que contribuían a mellorar a vida da nosa veciñanza”.

Baixo esa filosofía defende o seu labor a voceira socialista, partido no que milita dende hai máis de 25 anos, aínda que comezou a súa traxectoria como concelleira no 2014, substituíndo a Modesto Díaz no Goberno municipal. “Un representante municipal debe ser accesible aos seus veciños e veciñas e ser capaz de estar alí onde hai un problema para buscar solucións e trasladalas a quen ten responsabilidades de xestión”, defende pola súa parte Cabanas, que se uniu á vida municipal hai xa nove anos despois de tempo participando nas asemableas locais do BNG, ao que se afiliou no 2007.

“Desde pequeno sempre me rodeou un ambiente no que se falaba moito de política municipal e autonómica, recordo ir con meus pais a principios dos anos 90 a Santiago ás manifestacións contra a Supertaxa”. En canto á remuneración económica que perciben os grupos municipais, Mondoñedo podería definirse como unha vila atípica. Na corporación, “agás catro membros do equipo de goberno que teñen cadansúa dedicación parcial o resto dos membros da corporación non temos ningunha relación salarial co concello”. Así que “non cobramos nin un só euro nin por asistir a plenos nin a comisións, nin o Goberno nin a oposición, algo que acontece dende fai moitos anos”, comenta Esperanza, á que o interese pola política lle vén de lonxe, concretamente dende a súa formación académica.

"Entre todos podemos mellorar o futuro de Mondoñedo"

Para ela solucionar os problemas dos mindonienses é o principal obxectivo nunha vila na que quere poñer en valor “o inxente traballo que realiza o tecido das asociacións e colectivos, sen o seu traballo gran parte das actividades culturais, lúdicas e deportivas actualmente non serían posible”. Asegura que as persoas que conforman a candidatura socialista fano porque están convencidas de que “entre todos podemos mellorar o futuro de Mondoñedo”, polo a que a pesar das horas e o esforzo que esixe o seu labor paga a pena.

A dedicación de Eloi como representante na corporación está motivada por unha clara vocación de servizo público por iso “o tempo que me ocupa fágoo con moitas gañas e humildade pero é certo que o tempo hai que quitalo dalgún lado e desgraciadamente sempre o acaban sufrindo as persoas que están máis preto na túa vida”. Traballar “convencido de que estás desempeñando un papel importante que pode beneficiar a vida da veciñanza e pensar nun Mondoñedo mellor para o futuro” danlle sentido ao seu rol. “A política municipal é iso, facer que o concello avance, facelo máis habitable, mudar dinámicas e aumentar o desenvolvemento e o benestar de todos e todas”.

"A política municipal é facer que o concello avance"

No tocante ás relacións co equipo de Goberno, ambos defínenas como cordiais. “Moitas veces as críticas e o debate poden xerar por momentos algún tipo de rabia ou mal estar pero o certo é que nos levamos ben e sabemos diferenciar a confrontación política do trato persoal”, di o nacionalista. Para González, Mondoñedo “é un lugar grande na historia, pero un lugar pequeno onde todos nos coñecemos e sabemos de onde vimos. A relación é cordial como non podía ser doutro xeito, porque todos somos veciños”.

Crear un centro de día público

O traballo de escoita, participación e ao mesmo tempo achegar as demandas que non son atendidas ao Goberno municipal marcan a súa liña de traballo, baseada nunha visión progresista, feminista e ecoloxista e onde recolle propostas como impulsar a creación de comunidades enerxéticas, potenciar as Escolas Deportivas con máis persoal, a construción dunha instalación para o benestar animal ou axudas para o asentamento de empresas.

Os maiores son uns dos grupos nos que centran tamén as súas medidas que contemplan incentivos para o pago do recibo da luz, a través dunha nova ordenanza municipal, aos que teñan dificultades ou crear un centro de día público. Para Eloi o municipio precisa rachar “coa dinámica negativa actual de perda de poboación e é necesario un proxecto práctico orientado a impulsar o dinamismo socio-económico” con medidas de benestar social, fomento do emprego, ordenación do territorio e desenvolvemento rural entre outras. “Segue pendente ese Plan de Recuperación de Emprego e da Actividade Económica prometido polo PP da Xunta no 2012 logo do ERE de Mobles Hermida e de que o Grupo FINSA, propietario da fábrica Aglomerados ECAR, cerrara as súas portas. A xente nova marcha e unha vez que rematan os seus estudos non atopan traballo na nosa localidade onde desenvolver as súas carreiras”. Unhas demandas que tamén comparte a voceira do grupo socialista.

Modernización da zona rural

“Mondoñedo precisa, nestes intres, centrarse en priorizar a creación de emprego, promover a actividade agrícola, gandeira e empresarial, impulsar o comercio local, dinamizar o tecido asociativo, fomentar o turismo, pero sobre todo políticas activas para atraer e fixar poboación no noso Concello”. Sen esquecerse das parroquias, pois entende que precisan máis acción e investimento. Sobre a pola modernización da zona rural, Cabanas opta por asumir un papel activo “na promoción de alternativas contra a elevada fragmentación da propiedade para mellorar as condicións de produción na agricultura, na gandería e no sector forestal”, así como corrixir as deficiencias nos espazos públicos de todo o municipio.

“A cidade e a contorna deben presentar sempre unha boa imaxe a visitantes e turistas, isto non está a acontecer, temos queixas nese senso tódolos días”. A falta de vivenda completa as súas preocupacións. “Non se constrúe nada. En Mondoñedo temos 39 demandantes de vivenda pública que se poderían establecer aquí e non atopan solución e por riba o Plan Rexurbe avanza con moita lentitude”, conclúe.

0.17270612716675