A nova edición da Ruta do Románico permitirá descubrir 14 xoias da arte europea na provincia

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A programación inclúe 16 rutas gratuítas con 325 prazas, e as inscricións poderán realizarse a partir do vindeiro luns
presentacion-rutas-polo-romanico
24 Apr 2026

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentaron este venres, no Claustro da Catedral de Lugo, a programación das Rutas polo Románico. Unha iniciativa que a institución provincial organiza por sexto ano consecutivo e que consiste nunha serie de itinerarios gratuítos polo románico da provincia para conmemorar o Día da Transrománica. A primeira das rutas arrancará o vindeiro 8 de maio na capital lucense.

Carmela López destacou que esta nova edición “permitirá descubrir catorce xoias da arte europea na provincia”, poñendo en valor o patrimonio románico como unha das grandes fortalezas patrimoniais do territorio. Subliñou que a provincia “conta cunha das maiores concentracións de románico de Europa, especialmente en ámbitos rurais, onde igrexas, mosteiros e pequenas capelas forman parte da paisaxe e da vida das parroquias”.

Engadiu ademais que este patrimonio “conecta directamente coa historia de Europa, xa que forma parte dunha rede internacional como é a Transrománica”. Neste senso, sinalou que desde a Deputación “levamos tempo apostando por poñer en valor este legado non só como elemento cultural, senón tamén como motor de desenvolvemento sostible, vinculado ao turismo de calidade e á dinamización do territorio”. Indicou tamén que se trata dunha forma de “reforzar o vínculo da veciñanza co seu propio patrimonio, de recoñecelo, valoralo e sentilo como algo propio”.

Pola súa banda, a deputada Pilar García Porto sinalou que as rutas gratuítas polo románico reforzan o modelo de turismo sostible no que se traballa desde hai anos na Deputación, “co obxectivo de difundir e poñer en valor o patrimonio da provincia, apoiar o sector turístico, hostaleiro e do comercio, e contribuír á xeración de actividade económica e emprego, especialmente no rural”.

A programación desta sexta edición inclúe 16 rutas polo patrimonio románico da provincia durante cinco xornadas: os días 8, 9, 10, 16 e 23 de maio. Cada itinerario conta cun máximo de 20 prazas, agás o de Lugo, que contará cun total de 25 prazas, polo que no conxunto do programa se ofertan 325 prazas. Todas as actividades estarán dirixidas por un guía oficial de turismo.

As inscricións poderán realizarse na web https://inscricions.deputacionlugo.org/ desde o vindeiro luns, 27 de abril, ata dous días antes de cada actividade ou ata completar aforo. Para máis información, as persoas interesadas poden chamar aos teléfonos 982 260 011 e 982 260 234, en horario de 9 a 14 horas.

A Deputación na Rede Transrománica

A Deputación de Lugo intégrase desde 2021 na rede Transrománica, recoñecida como Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa, que agrupa territorios de Austria, Alemaña, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España.

A provincia de Lugo conta na súa ruta con dez igrexas de arte románico situadas nos concellos da Ribeira Sacra: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.

CARTEL-RUTAS-POLO-ROMANICO-LUGO-2026
0.12683510780334