A música tradicional tamén ten o seu oco nas festas do San Bartolo
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora xunto ao Concello de Barreiros coa organización das festas do San Bartolo, que se celebran do 23 ao 25 de agosto. O deputado da Mocidade Daniel García presentou, xunto a representantes da corporación local, Antonio Veiga e Montse Porteiro, e da comisión organizadora, David Becerra, Antía Gómez, Rubén Fernández e Jesús Caserio, o programa desta celebración.
A través do programa Xunt@s polo serán a Vicepresidencia provincial achega o domingo 25 a charanga Mekanika Rolling Band, que completa o programa musical e de actividades propostas para a fin de semana. García agradeceu “a dedicación das persoas que forman parte da comisión, que fan posible a celebración das festas, un espazo de encontro que reforza os lazos entre a veciñanza”.
Tamén encadrou a colaboración “no apoio que a Vicepresidencia provincial proporciona ao tecido asociativo, poñendo á súa disposición distintas programacións dirixidas a impulsar a presenza da música tradicional, da animación de rúa e da música en galego en citas festivas e culturais por todas as comarcas”. O programa Xunt@s polo serán é unha iniciativa de natureza cultural e festiva que serve de paraugas para articular unha axenda de actuacións
de música, danza, maxia, circo e obradoiros polos diferentes concellos e comarcas, contribuíndo a ampliar a actividade cultural en todo o territorio.