A modernización da frota centra a reunión entre Pesca e o sector en Celeiro

AMariñaXa
Pesca destaca o papel das axudas na modernización das embarcacións e na diversificación da actividade
reunion-Mar-porto-celeiro-2026
25 Mar 2026

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, mantivo este martes unha reunión coa OPP-77 Porto de Celeiro e coa confraría da localidade nun encontro que serviu tanto para coñecer de primeira man as instalacións como para analizar o impacto das medidas impulsadas pola Xunta no sector.

Durante a visita, desde Porto de Celeiro puxeron en valor o apoio recibido a través das distintas liñas de axuda, facendo especial fincapé naquelas destinadas ao cambio de modalidade das embarcacións, que permiten adaptar os buques a novas artes e sistemas de pesca, favorecendo así a diversificación da actividade.

Pola súa banda, desde a Consellería do Mar trasladouse a intención de continuar traballando da man do sector para desenvolver ferramentas eficaces que impulsen un modelo pesqueiro máis sostible. Neste contexto, destacouse tamén o papel estratéxico dos portos como elementos clave para o desenvolvemento económico e social das zonas costeiras.

Rosón fixo referencia ás achegas destinadas á mellora da seguridade e da eficiencia das embarcacións, cunha dotación de 6,4 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa). Estas axudas permiten acometer actuacións como a modernización dos barcos, a instalación de equipamentos de seguridade e salvamento, a mellora das condicións de habitabilidade e conectividade a bordo ou a incorporación de sistemas de propulsión máis eficientes e menos contaminantes.

Ademais, inclúense iniciativas orientadas á realización de auditorías enerxéticas, á adaptación das artes de pesca para incrementar a súa selectividade e ao desenvolvemento de proxectos que contribúan a unha maior valorización das capturas.

0.088289976119995