A militancia socialista de Xove elixiu a Aida López Cuadrado como nova secretaria xeral da dirección local

O PSdeG de Xove abriu unha nova etapa coa constitución da agrupación local e elección da Comisión Executiva Municipal, nunha Asemblea Extraordinaria celebrada na tarde do venres 5 de xuño e enmarcada no proceso de reforzo orgánico do partido de cara ás eleccións municipais de 2027.
A militancia socialista elixiu como secretaria xeral a Aida López Cuadrado, que estará á fronte da nova dirección local co obxectivo de fortalecer o proxecto socialista no municipio, impulsar a participación da militancia e intensificar o contacto directo coa veciñanza.
A Asemblea contou coa participación de representantes socialistas da Mariña e da provincia de Lugo, entre eles o senador César Mogo; a deputada no Congreso Patricia Otero; o alcalde de Foz, Francisco Cajoto; o alcalde de Ourol, José Luis Pajón; a tenente de alcaldesa de Barreiros, Carmen Veiga; e o tenente de alcalde de Alfoz, Cándido Paleo. Tamén asistiron voceiros e voceiras, secretarios e secretarias xerais, cargos orgánicos das agrupacións da comarca e militancia socialista de Xove.
Dende a dirección provincial do PSdeG de Lugo subliñan que este paso permite “reforzar a presenza socialista en Xove e abrir unha nova etapa de traballo político e municipal”. “É unha boa noticia para o socialismo xovense, para a Mariña e para o PSdeG da provincia de Lugo”, engadiron.
A nova Comisión Executiva Municipal queda integrada cos seguintes cargos:
- Secretaría Xeral - Aida López Cuadrado
- Secretaría de Organización - Fernando López Pedre
- Secretaría de Contas - Javier Arca Uria
- Secretaría de Política Municipal - Rogelia Mariña Pernas
- Secretaría de Comunicación - Marco Samuel Pereira Oliveira
- Secretaría de Asuntos Sociais - Sonia Sofia Riveiro
- Secretaría de Deporte e Turismo - Vicente Fernández Sánchez
- Secretaría de Asuntos do rural - Francisco Louzo Rego