A memoria de Mimina centrará a II Romaría Isaac en Sargadelos

AMariñaXa
A cita celebrarase o 1 de agosto no recinto histórico de Sargadelos e reivindicará a figura de Carmen Arias de Castro, compañeira de Isaac Díaz Pardo e referente artístico da emblemática fábrica
II-Romaria-isaac-Sargadelos-2026
18 Jul 2026

A II Romaría Isaac, Sargadelos volverá reunir o vindeiro 1 de agosto amantes da cultura, da música e da memoria de Isaac Díaz Pardo nunha nova edición que este ano estará dedicada á figura de Carmen Arias de Castro, "Mimina", artista e colaboradora esencial no desenvolvemento do proxecto de Sargadelos.

A organización quere poñer en valor o papel desempeñado por Mimina, debuxante, acuarelista e responsable da creación da liña de xoias de porcelana da firma. Ademais da súa traxectoria artística, destacan a súa decisiva contribución nos principais proxectos impulsados por Isaac Díaz Pardo, ao que acompañou durante máis de sete décadas. A súa implicación foi determinante tanto na etapa do artista en Madrid como nos inicios de O Castro, na posta en marcha de Magdalena e no nacemento de Sargadelos.

O cartel anunciador desta segunda edición leva a sinatura de Xosé Blanco López, quen reinterpretou un retrato realizado por Isaac Díaz Pardo en 1955 e incorporou o deseño AB1, unha das creacións máis representativas de Mimina e un dos motivos decorativos máis recoñecibles da historia de Sargadelos.

A programación desenvolverase a partir das 20.00 horas no recinto histórico de Sargadelos, concretamente na sala das antigas carboeiras, onde o grupo DOA protagonizará o concerto da xornada. Considerada unha formación pioneira da música galega, DOA destaca pola súa proposta de folk de vangarda, na que combina o cancioneiro tradicional e medieval con influencias musicais contemporáneas e doutras culturas, creando un estilo propio que a converteu nunha referencia da música de raíz en Galicia.

A Romaría Isaac, Sargadelos consolídase así como unha cita que une patrimonio, creación artística e música para reivindicar o legado cultural vencellado a Isaac Díaz Pardo e ás persoas que contribuíron a facer de Sargadelos un dos grandes símbolos da cultura galega.

0.1237850189209