A maxia do Nadal envolve Foz
O Nadal xa chegou ao Concello de Foz, coas luces que brillan nas zonas máis representativas da vila e coa maxia das bolas do dragón presente. Dende o Goberno local propoñen un xogo, que consiste en que nos comercios locais e edificios municipais (Casa da Cultura, Concello e CENIMA) poderán atopar os trípticos para participar na busca das sete bólas do dragón agochadas no alumeado. As súas maxestades de Oriente aparecerán co dragón Sheron para entregar agasallos aos agraciados. Convértese así o Nadal de Foz nun referente na Mariña polo seu espectáculo e orixinalidade con esta homenaxe a Akira Toriyama, o creador de Son Goku, que marcou varias xeracións.
Será un Nadal para acoller aos que volven á vila para vivir en familia. Maiores e pequenos poderán gozar dos festivais, con A Subela, o día 21 de decembro, coa Escola de Música, o día 22 e do Feitizo, o día 23. Xa o martes 24, Papá Noel fará parada en Foz e os nenos e nenas da Escola de Música cantaranlle para logo poder visitalo. Estará na casiña de Papá Noel, a partir das 12.00 horas na Praza do Concello. Xa o día 26, comezan as actividades na carpa da Sala Bahía, onde haberá inchables, obradoiros, nerf e moitas actividades en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, ata o día 29. O 28 a Banda de Música realizará o seu gran concerto de fin de ano, ás 20.00 horas na Sala Bahía. E o día 30 na Casa da Cultura haberá un contacontos ás 12.00 horas, con Paco Nogueiras.
Previa á chegada das maxestades, os Magos de Oriente, terá lugar a tradicional cabalgata de Foz, que encherá as rúas de cor e maxia.
FOZ MELLORA ANO TRAS ANO
Co 2025 tocando na porta hai que facer balance. O Concello de Foz consolídase, un ano máis, como un lugar idóneo para vivir os 365 días do ano. Atópase nun enclave xeográfico estratéxico e ben conectado por autovía. As cifras evidencian que son moitos os que escollen esta vila para vivir, xa que medra constantemente en poboación. Supera a marca dos 10.000 habitantes e conta con todos os servizos para ofrecer: centros educativos, centro sanitario e hospital a poucos minutos...
Dende o Concello de Foz traballan arreo durante o ano para que a vida nesta vila sexa o máis cómoda posible, proba disto son os traballos para ampliar as beirarrúas e humanizar os seus espazos. Así, regularizaron e reordenaron o tráfico para contribuír a unha maior seguridade para os peóns que apostan por transitar a pe. O Goberno local asinou un convenio de colaboración para a reforma do firme e a mellora da rede de saneamento das rúas Alfonso X e Alfredo Brañas.
Así tamén vén de investir en melloras da área de xogos biosaudables da piscina municipal e na renovación dos parques infantís de Marzán e Julia Minguillón. No parque de Marzán substituíron os oito bancos existentes dispoñendo catro pezas biosaudables novas, que van permitir exercitarse a persoas de tódalas idades. Así, no parque de Julia Minguillón melloraron o alumeado público con novas luminarias, substituíron os bancos e realizáronse traballos de conservación na pérgola, na pasarela e nos xogos biosaudables. Tamén na contorna da piscina completaron o parque biosausable.
De igual forma destacan as renovacións da área infantil e a instalación das primeiras pistas de petanca en Uxío Novoneira, devolvendo vida a ese espazo. Tamén no parque Martínez Otero estrearon novo mobiliario.
O Concello de Foz non só investiu na mellora de lugares de ocio e tempo libre para nenos e maiores como os parques, senón que realizou melloras nun dos seus maiores reclamos: as súas praias. Remataron as obras do posto de socorro e dos baños da praia da Rapadoira, totalmente necesarias e que demandaba o equipo de socorrismo e os usuarios da praia. Procedeuse a renovar a fontanería, electricidade, pintura, alicatado e portas, tanto interiores coma exteriores, así como a instalación dunha ducha para uso do equipo de socorrismo.
Esta vila tamén conta con entidades deportivas que levan o nome de Foz fóra das súas fronteiras. Caso das atletas do Club de Atletismo Ría de Foz que veñen de competir nun cross internacional en Sevilla. Rosalía Rodríguez Gigirey Villar, Ana Santiso, Romina Reimondo, Carla Trillo e Sara Reimondo foron campioas galegas e obtiveron ese pase ao Campionato de España.
APOSTA POR UN COMERCIO SOSTIBLE
A vila de Foz destaca tamén polo tecido empresarial e por conseguir estar á cabeza da Mariña en taxa de emprego. Para iso é preciso crear un tecido asociativo sólido, así como diferentes iniciativas para fomentar e poñer en valor o comercio local.
No seu compromiso por promover a sustentabilidade e concienciar sobre o impacto ambiental na comunidade, o Concello de Foz puxo en marcha a iniciativa ‘Comercio que deixa pegada’, unha experiencia innovadora que calculará a pegada de carbono dos comercios locais dentro do proxecto FOZLAB30 en colaboración coa Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) de Lugo e a ACIA (Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos) de Foz. Ten máis proxectos como o de Fontes e Manantiais, que está a piques de saír.
O PRIMEIRO PARQUE CANINO DA MARIÑA EN FOZ
Durante este ano o Concello tamén apostou por crear infraestruturas. É o caso das rotondas de Cangas, que agardan que se reparten a mediados de ano que vén. É unha obra, que está en construción, moi importante, unha reivindicación histórica e que Foz vai ir cumprindo esas reivindicacións históricos moi proximamente. Comezaron con esta e despois irán outras como o cruce da Corredoira e o terceiro acceso, cuxos trámites avanzan. Nesta liña, tamén continúan avanzando a bo ritmo as obras da nova depuradora de augas residuais (EDAR) de Foz, co obxectivo de evitar verteduras e contribuír á conservación do medio ambiente.
Unha construción relevante é a do primeiro parque canino da Mariña, que estará en Foz, no Pico do Castro, e será inaugurado nos vindeiros meses. Situarase así nas vellas instalacións de distribución de gas, en desuso, e vén atender a demanda da Asociación Asistencial de Protección de Animais de Foz e dun gran número de veciños e veciñas que solicitan unha contorna segura para que os cans poidan correr e gozar do aire libre.
Conta con circuítos e unha zona verde en expansión e tamén unha parte teitada para desfrutar dos peludiños da casa. Servizos, mellora de infraestruturas, actividades culturais, novas construcións, emprego,... Estas foron as principais apostas do Concello
de Foz durante este 2024, que remata, e no que esta vila foi un lugar escollido por moitas familias para vivir. Dende a institución municipal desexan unhas felices festas en paz e que o vindeiro ano 2025 sexa moi próspero para todos e todas, no que se cumpran os seus desexos.