A Maruxaina abre a súa caseta oficial coa venda dos produtos conmemorativos da edición de 2026

O Concello de Cervo convida á veciñanza e ás persoas que visiten San Cibrao durante estes días a achegarse á caseta oficial da Maruxaina, situada na Praza dos Campos, onde xa se poden adquirir os artigos conmemorativos desta edición da popular festa.
A colección inclúe camisetas para adultos e público infantil, bolsas, panos, o libro da Maruxaina e dúas cuncas deseñadas especificamente para a edición de 2026. Unha delas é unha peza de cerámica creada polo artista Ánxel Cao, inspirada na forma dun percebe, mentres que a outra, elaborada en barro, reproduce o cartel oficial da festa e foi realizada polas persoas usuarias de Saúde Mental A Mariña.
A presentación desta última peza contou coa participación da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, acompañada polos concelleiros Adrián Arias e Mali Méndez, xunto aos profesionais e usuarios da entidade, que tamén colaboran na atención da caseta durante a celebración.
A rexedora destacou a implicación das persoas e colectivos que fan posible esta iniciativa e agradeceu tanto a creatividade de Ánxel Cao como o traballo desenvolvido por Saúde Mental A Mariña na elaboración da cunca conmemorativa. Tamén puxo en valor a colaboración da Asociación Mulleres de San Cibrao, que un ano máis participa na venda do merchandising oficial da festa.
Desde o Concello lembran que a adquisición destes produtos contribúe á promoción da Maruxaina e ao mantemento dunha das celebracións máis emblemáticas da Mariña, permitindo ademais que veciños e visitantes leven un recordo dunha festa que forma parte da identidade de Cervo.