A Mariña reivindica en FITUR a súa identidade ligada ao mar e ao turismo de benestar

AMariñaXa
A Mancomunidade presentará o 22 de xaneiro a proposta A Mariña, unha viaxe á identidade, inspirada nas Carolas, consideradas as primeiras turistas da comarca
MArina-fitur-2024
12 Jan 2026

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense levará a FITUR unha nova acción de promoción turística centrada na identidade do territorio e no vínculo histórico coa costa. Baixo o título A Mariña, unha viaxe á identidade, a proposta será presentada oficialmente o vindeiro 22 de xaneiro e pon o foco no poder sanador do mar, no goce do tempo e nun modelo de turismo de benestar e consciente.

A iniciativa recupera a memoria das coñecidas como Carolas ou Canouras, mulleres procedentes dos municipios do interior da provincia que, a finais do século XIX e especialmente ao longo do século XX, se desprazaban ata a costa da Mariña para tomar os tradicionais “baños de mar”. Un costume que se consolidou tanto por recomendación médica como polo boca a boca, convertendo estas mulleres nas primeiras visitantes habituais do litoral mariñán.

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, sinalou que esta homenaxe ás Carolas forma parte das liñas de traballo impulsadas ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística, cunha aposta clara por afondar nos valores, nas tradicións e na historia do territorio. Segundo explicou, trátase tamén dun exercicio de recuperación e posta en valor dun patrimonio inmaterial que forma parte da memoria colectiva da Mariña.

A presentación permitirá a autoridades, turoperadores, prensa especializada e profesionais do sector coñecer de primeira man os proxectos que se están a desenvolver na comarca no marco do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2025, así como esta nova acción comunicativa que supón un paso máis na estratexia de promoción do territorio. Este plan está cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

O acto terá lugar no stand de Galicia en FITUR, situado no pavillón 9 do recinto feiral IFEMA, e estará conducido pola presidenta da Mancomunidade. A cita será o mércores 22 de xaneiro ás 17:30 horas.

A presenza da Mancomunidade en FITUR estenderase desde o mércores 21 de xaneiro, cunha axenda centrada en manter reunións con profesionais do sector turístico e provedores de servizos, co obxectivo de reforzar a comunicación dos atractivos da Mariña, crear sinerxías e intercambiar información de interese para o desenvolvemento do xeodestino.

Ademais, a Mancomunidade contará cun espazo propio de información turística dentro do stand de Galicia, no que se ofrecerán diversos materiais promocionais, como a guía A Mariña ao descuberto, o mapa turístico da comarca e os novos folletos de turismo ornitolóxico e xeoturismo editados este ano. Unha vez máis, FITUR convértese nun escaparate clave para consolidar a Mariña como destino turístico de referencia a nivel estatal e internacional.

⚙ Configurar cookies
0.051620006561279