A Mariña reivindica en FITUR a súa identidade e o turismo de benestar a través da figura das Carolas

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense levará este xoves, 22 de xaneiro, á Feira Internacional de Turismo (FITUR) a proposta “A Mariña, unha viaxe á identidade”, unha iniciativa que pon o foco no turismo de benestar, no goce consciente do tempo e na relación histórica da comarca co mar como espazo terapéutico e vital.
O proxecto rende homenaxe ás coñecidas como Carolas ou Canouras, mulleres procedentes principalmente dos concellos do interior da provincia de Lugo que, a finais do século XIX e ao longo do século XX, se desprazaban ata a costa da Mariña para tomar os tradicionais “baños de mar”. Aquela práctica, impulsada en moitos casos por prescricións médicas ou recomendacións persoais, asentou as bases do que hoxe se recoñece como unha forma primitiva de turismo de saúde e benestar.
Desde a Mancomunidade destacan que esta acción supón unha aposta clara por recuperar e poñer en valor unha figura clave da memoria colectiva da Mariña, integrándoa dentro dunha estratexia turística que afonda na identidade do territorio, nas súas tradicións e nas persoas que o habitaron. As Carolas convértense así nun símbolo do vínculo histórico entre a comarca e o mar, considerado non só como recurso natural, senón tamén como elemento sanador e transformador.
A presentación desta proposta en FITUR forma parte das actuacións impulsadas ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense (2022-2025), que está a permitir desenvolver proxectos centrados na diversificación da oferta, na sustentabilidade e na valorización do patrimonio material e inmaterial do xeodestino. Autoridades, turoperadores, prensa especializada e profesionais do sector turístico terán a oportunidade de coñecer de primeira man tanto esta nova acción comunicativa como o conxunto de iniciativas que se están a executar na comarca.
O acto oficial terá lugar no stand de Galicia en FITUR, situado no pavillón 9 do recinto feiral IFEMA (parcelas 9C07/9C09), e estará guiado pola presidenta da Mancomunidade, Rocío López. A presentación celebrarase o xoves 22 de xaneiro ás 17:30 horas, seguindo a liña de participación da entidade en edicións anteriores da feira.
Ademais, a Mancomunidade estará presente en FITUR desde o mércores 21 de xaneiro, cunha axenda centrada na celebración de encontros con profesionais do sector turístico e provedores de servizos. O obxectivo, segundo explicou Rocío López, é “comunicar os activos da Mariña, promover sinerxías e intercambiar información sobre servizos e produtos de potencial interese para o noso xeodestino”.
Dentro do stand de Galicia, a Mancomunidade contará cun espazo propio de información turística, no que os visitantes poderán acceder a distintos materiais corporativos, como a guía A Mariña ao descuberto, o mapa turístico da comarca ou os folletos específicos de turismo ornitolóxico e xeoturismo editados ao longo deste ano. A delegación aproveitará a súa presenza en FITUR para reforzar a visibilidade da Mariña Lucense e establecer novos contactos que contribúan a consolidala como territorio de referencia no ámbito do turismo sostible e experiencial.
O Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense está cofinanciado pola Mancomunidade de Concellos, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, no marco dunha estratexia conxunta orientada á transformación do modelo turístico da comarca.